A Deputación recibe máis de 2 millóns de euros de fondos europeos para a iluminación sostible de outros 17 concellos da provincia
Un investimento de 2,4 millóns de euros, dos que o 85% corresponden a achegas do IDAE, permitirá substituír ou reformar 3.877 luminarias para acadar un aforro enerxético do 60%
17/12/2022
A Deputación de Pontevedra renovará o alumeado exterior de 18 concellos da provincia grazas ao apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), que volve dar o seu apoio aos proxectos provinciais cunha nova e importante axuda de máis de 2 millóns de euros (2.071.309.171 €) ao abeiro do programa DUS 5000 no marco do Plan de Recuperación. Esta achega supón o 85% dos 2,4 millóns de euros cos que os concellos de Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Dozón, Rodeiro, Silleda, O Rosal, Tomiño, A Cañiza, Arbo, Covelo e Salvaterra do Miño poderán renovar o seu alumeado exterior actuando sobre un total de 3.877 luminarias, que se reformarán ou substituirán por outras tipo led máis eficientes, e en 148 cadros de mando, que se adaptarán á lexislativa vixente e pasarán a contar cun sistema de telexestión, cun aforro enerxético medio estimado do 60%.
Con este recursos, na comarca de Pontevedra (que recibe 255.266 euros) realizaranse actuacións en Cerdedo-Cotobade (149.343 €) que poderá renovar 217 luminarias e reformar 14 cadros de mando, conseguindo un aforro enerxético estimado do 49%, e en Cuntis (105.923 €), onde se substituirán 203 puntos de luz, se eliminarán 12 e se reformarán 10 cadros de mando, acadando así un aforro enerxético aproximado do 47%.
Na comarca de Vigo (273.777 euros) substituiranse 234 luminarias e reformaranse 2 cadros de mando de Fornelos de Montes (83.178 €), conseguindo un aforro enerxético estimado do 69%, e en Pazos de Borbén (190.599 €), procederase a substituír 432 luminarias e reformaranse 14 cadros de mando para acadar un aforro enerxético do 57%.
Por outra banda, na área do Salnés (con 366.969 euros de subvención europea), o concello de Meaño (97.763 €) cambiará 139 puntos de luz por outros led de maior eficiencia e reformará 3 cadros de mando, actuación coa que conseguirá un aforro enerxético do 68%. Ademais, en Meis (98.962 €) substituiranse 28 luminarias, engadiranse outras 8 e reformaranse cadros de mando, cun aforro enerxético do 57%; en Pontecesures (49.665 €) procederase a cambiar 43 luminarias, engadiranse 4 e reformaranse 2 cadros de mando, conseguindo un aforro enerxético do 60%, e en Ribadumia (120.590 €) substituiranse 62 puntos de luz e eliminaranse outros 11 e actuarase sobre 2 cadros de mando, o que permitirá acadar un aforro enerxético do 69%.
Ademais, na comarca do Deza e Terra de Montes (422.705 €), en Dozón (87.354 €) substituiranse 180 luminarias e modificaranse 4 cadros de mando o que permitirá un aforro enerxético do 60%; en Rodeiro (224.064 €) procederase a substituír 276 puntos de luz do municipio e actuarase sobre 18 cadros de mando, cun aforro enerxético estimado do 54%, e en Silleda (111.287 €) substituiranse 329 luminarias por outras led de maior eficiencia e reformaranse 15 cadros de luz, o que permitirá acadar un aforro enerxético do 57%.
No caso da comarca do Baixo Miño (350.023 €) as actuacións centraranse en dous concellos. No Rosal (201.137 €) substituiranse 657 luminarias e renovaranse 26 cadros de mando, co que se logrará un aforro enerxético do 61%, e en Tomiño (148.887 €) cambiaranse 376 puntos de luz e reformaranse 9 cadros de mando, conseguindo así un aforro enerxético do 58%.
Por último, na área do Condado e Paradanta (402.568 €), no concello da Cañiza (100.183 €) substituiranse 93 luminarias, engadiranse 23 e eliminaranse outros 16 e actuarase sobre 7 cadros de mano cun aforro enerxético do 82%; en Arbo (65.762 €) substituiranse 47 luminarias por outras led e engadiranse outras 4 e modificaranse 2 cadros de mando, o que suporá un aforro enerxético do 54%; en Covelo (75.470 €) cambiaranse 148 puntos de luz actuarase en 4 cadros de mando cun aforro enerxético estimado do 61%, e en Salvaterra de Miño (161.154 €) substitúense 367 luminarias e elimínanse 7, ademais de actuar en 14 cadros de mano, de tal maneira que se espera acadar un 59% de aforro enerxético.