Avanzan a bo ritmo as obras para converter a antiga escola unitaria de Vilasobroso nun edificio multiusos que será o epicentro social e cultural da parroquia
As obras, que contan cun orzamento de 361.959 e están financiadas con fondos FEDER e recursos da Deputación e o Concello de Mondariz, apostan pola eficiencia enerxética e melloran nun 50% os valores de consumo de enerxía actuais
14/02/2023
Xa queda menos para que a antiga escola unitaria de Vilasobroso se converta nun edificio multiusos do que poidan desfrutar todos os veciños e veciñas de Mondariz. O deputado provincial Santos Héctor, o alcalde de Mondariz, Emilio Barros, e o alcalde pedáneo de Vilasobroso, Alexandre Estévez, visitaron as obras de reforma deste centro unitario, que estarán rematadas nos vindeiros meses e que contan cun orzamento de 361.959 euros, dos que 302.647 proveñen do FEDER 2014-2020 a través da convocatoria de axudas do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE), e o importe restante repártese entre a Deputación (5%) e o Concello de Mondariz (15%).
Construído na metade do século pasado como escola unitaria, o edificio foi acollendo diversos usos ao longo dos últimos tempos. A través deste proxecto de rehabilitación preténdese recuperalo para convertelo nun edificio destinado a ser o epicentro social e cultural dunha parroquia clave da historia de Galicia e cun gran dinamismo social. Todo elo apostando pola eficiencia enerxética, mellorando nun 50% os valores de consumo de enerxía e emisións de CO2 actuais.
As actuacións céntranse nos elementos da envolvente: cubertas, fachadas, carpinterías exteriores, soleiras e o sistema de drenaxes perimetrais. Así, estase a renovar e illar completamente a cuberta incorporando novos sistemas de evacuación de pluviais e a actuar no interior mediante revestimentos que permitan o seu acondicionamento. Da mesma maneira, estase a actuar nas soleiras, que se van sanear xerando unha cámara ventilada e protexida do radon, acabando con novos pavimentos de tarima de madeira sobre o illamento. Ademais, renóvanse a totalidade das carpinterías exteriores con elementos acorde ás demandas enerxéticas e acabados en madeira de eucalipto, e os dous soportais que xa existían incorpóranse á estrutura do edificio. Por outra banda, vanse realizar pequenas actuacións sobre os ocos da fachada sur para mellorar a accesibilidade e renovaranse os acabados interiores, demolendo tabiques e incorporando outros novos. Tamén se engade ao interior do edificio un novo falso teito con illamento, así como unha preinstalación de saneamento e instalación eléctrica.