Este domingo chegan a Vilagarcía os “Roteiros Literarios” da Deputación e a AELG

O escritor e pintor Xulio Alonso guiará o itinerario, ligando diferentes escenarios da cidade cun nutrido número de persoas das letras galegas

09/06/2023

Tralo arranque dos Roteiros Literarios en Vigo e Moaña, o programa organizado pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) chega este domingo a Vilagarcía. O escritor e pintor Xulio Alonso, nado en Bos Aires e formado no Círculo de Belas Artes de Madrid, será o encargado de guiar o itinerario, ligando diferentes escenarios da cidade cun nutrido número de persoas das letras galegas. O percorrido comezará ás 11.30 horas na praza de Galicia e as prazas están todas esgotadas.

O “Roteiro Liteario Vilagarcián” visitará o Colexio León XIII, onde exerceron como profesores Xosé Núñez Búa, Díaz Castro, Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño. Continuará pola Imprenta Cela, de cuxo prelo saíu o primeiro libro de poesía en galego despois da guerra civil, “Cómaros verdes” de Aquilino Iglesia Alvariño. As persoas asistentes tamén visitarán a botica de Lisardo Barreiro, na que traballaron como mancebos Julio Camba, Lustres Rivas e Domingo Rial e onde se organizaban faladoiros coa participación de Valle Inclán, Castelao, Cabanillas e Enrique Gómez Carrillo. Finalmente recalará no Instituto Laboral, onde exerceu como profesor de inglés Plácido Castro del Río. Durante o traxecto, Xulio Alonso tamén falará doutros escritores coma Ramón Martínez López, Fermín Bouza Brey, Luís Boza Trillo ou Alfredo Brañas.

Os percorridos continuarán a vindeira semana en Pontevedra, da man de Adolfo Caamaño que o domingo día 18 guiará O espazo urbano pontevedrés como materia literaria, cunha ruta por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, a cidade medieval e do ensanche contemporáneo. O programa finalizará o domingo 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalínguiado polo investigador Xoán Carlos García Porral dende a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba, cun percorrido que se desenvolverá polas estatuas de Ramón María Aller e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.