Os “Roteiros Literarios” sa Deputación e a AELG chegan este domingo a Pontevedra coas prazas esgotadas

O escritor Adolfo Caamaño guiará o itinerario “O espazo urbano pontevedrés como materia literaria”, ligando escenarios da cidade con obras e persoas das letras galegas

14/06/2023

Tras pasar por Vigo, Moaña e Vilagarcía de Arousa, os Roteiros Literarios que promoven a Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) chegan este domingo a Pontevedra. O escritor e profesor Adolfo Caamaño, nado en Perdecanai (Barro) e residente na cidade do Lérez, será o encargado de guiar o itinerario “O espazo urbano pontevedrés como materia literaria”, ligando diferentes escenarios da cidade cun nutrido número de obras e persoas das letras galegas. O percorrido comezará ás 11.30 horas na praza diante do Estado de Pasarón (O Burgo) e as prazas están todas esgotadas.

O itinerario “Espazo urbano pontevedrés como materia literaria” transcorrerá polas paisaxes e paisanaxes pontevedresas de novelas como “Cris Canalla: o instinto da liberdade” (ambientada na época napoleónica), “Soberano” (que se desenvolve no eido urbano e rururbano pontevedrés de finais da ditadura e comezos da democracia) e do relato “A cidade dual”, amais de obras doutros escritores senlleiros que viviron ou que ambientaron obras súas na capital da provincia (Castelao, Torrente, Valle-Inclán, Camba, Antero de Figueiredo, Vázquez Pintor, Freixanes, etc.). Deste xeito, Caamaño, que proporcionará ás e aos asistentes material gráfico para poder seguir de xeito máis doado a trama urbana de Pontevedra, elixiu pasear por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, da cidade medieval e do ensanche contemporáneo, onde se verá o estrangulamento que, pola instalación da Celulosa, sufriu a cidade na que sería a evolución natural e lóxica do seu plano urbano.

A actividade, desde Pasarón, percorrerá a ponte do Burgo, a praza do Peirao, o parador, a praza das Cinco Rúas, as rúas Charino, Tetuán e Don Filiberto, o casino, a praza do Teucro, a rúa Real, a rúa Sarmiento, a praza de Méndez Núñez, a praza da Verdura, a rúa San Sebastián, a rúa dos Soportais, a praza da Ferrería, a praza da Peregrina, a rúa da Oliva e a praza de San Xosé. A volta será pola rúa da Oliva ata a rúa García Camba, a fonte dos nenos na rúa Peregrina, a rúa Sagasta e a rúa Benito Corbal para rematar na praza de Barcelos.

Os “Roteiros Literarios” da Deputación e a AELG rematan o domingo 25 de xuño cun “Roteiro histórico-literario por Lalín”. A actividade estará guiada polo investigador Xoán Carlos García Porral dende a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba, cun percorrido polas estatuas de Ramón María Aller e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.