Arrancan os Roteiros Literarios con percorridos esta fin de semana por espazos de Vigo e Moaña
A ruta viguesa por Lavadores e O Calvario será conducida este sábado pola xornalista María Xosé Porteiro e a escritora Anna R. Figueiredo guiará o itinerario pola vila moañesa o domingo
01/06/2023
Esta fin de semana regresan os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía. Deste xeito, o primeiro dos percorridos celebrarase o sábado 3 de xuño en Vigo, guiado pola xornalista María Xosé Porteiro, e ao día seguinte tomará o relevo a escritora Anna R. Figueiredo que conducirá a ruta “Aconteceu en Moaña”. En ambos casos, os itinerarios comezarán ás 11.30 horas e as prazas están esgotadas.
No primeiro caso, a ruta que guiará María Xosé Porteiro percorrerá o antigo concello de Lavadores e a súa capital O Calvario, para dar a coñecer as orixes da actual parroquia, anexionada á cidade en 1949. A autora contará a historia de Nélida, que foi vivir alí a finais dos 60 cando de pequena emigrou coa súa familia do rural lugués na procura das oportunidades que Vigo ofrecía daquela. Trátase, polo tanto, dun subcontexto xeográfico e sociolóxico con vida propia, tanto na novela como na realidade, que permitirá coñecer ás persoas participantes a historia desta contorna da cidade.
Ao día seguinte, 4 de xuño, a escritora Anna R. Figueiredo guiará o percorrido desde o Centro Sociocultural Daniel Castelao (Auditorio Celso Parada), facendo distintas paradas pola vila do Morrazo para revisar grandes obras que aconteceron, acontecen e acontecerán en Moaña, mar de ficcións. A autora reivindicará no roteiro a persoa lectora como protagonista da ficción narrativa e o dereito da literatura a converter o concreto no universal á vez que tamén experimenta o universal no concreto.
Os percorridos continuarán a vindeira semana co Roteiro Literario Vilagarcián, que guiará o autor e pintor Xurxo Alonso o domingo 11, no que as persoas participantes visitarán espazos como o Colexio León XIII, a Imprenta Celta, a botica do escritor Lisardo Barreiro e o Instituto laboral. Posteriormente, o domingo día 18 o programa chegará a Pontevedra da man do escritor Adolfo Caamaño que guiará a ruta O espazo urbano pontevedrés como materia literaria, cunha ruta que se desenvolverá por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, a cidade medieval e do ensanche contemporáneo. E o programa finalizará o domingo 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalínguiado polo investigador Xoán Carlos García Porral. O punto de encontro será a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba e visitaranse a Igrexa, as estatuas de Ramón María Aller Ulloa e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.