A Deputación abre a súa terceira liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia

A deputada de Memoria Histórica María Ortega destaca que as subvencións pretenden tender a man ante a falta de orzamento municipal para cumprir a normativa vixente

21/03/2023

Marta Ortega. Retirada simboloxía franquista

A Deputación de Pontevedra ten xa aberto o prazo para que os concellos da provincia soliciten axudas para retirar simboloxía franquista nos seus territorios municipais. A contía global das achegas, que forman parte das  Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural e chegan este ano á súa terceira edición, é de 100.000 euros. 

 A deputada de Memoria Histórica María Ortega subliña que cando existen elementos contrarios á memoria democrática que estean situados en edificios de carácter público municipal, as institucións ou persoas xurídicas titulares destes serán responsables da súa retirada ou eliminación. Neste sentido, a nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática e facilitar o cumprimento da normativa de Memoria vixente, e para iso tende a man con estas subvencións, dado que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas de simboloxía franquista. 

As achegas da Deputación, explica Ortega, poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista

As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil (50.000,00) euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación nas dúas edicións anteriores tiveron relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.

Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

As bases das axudas pódense consultar en https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2023/03/20/2023020053.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.