Redondela recibe unha achega de 355.000 euros do Plan Concellos para renovar as redes de saneamento e abastecemento na Subida a Cidadelle

Os traballos permitirán mellorar estes servizos e renovar a capa de rodadura neste camiño situado na parroquia de Chapela

16/01/2023

Xunta de Goberno, Plan Concellos para Redondela

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha importante achega de 355.465€ da Liña 1 do Plan Concellos para Redondela, que destinará ás obras de renovación das redes de saneamento, pluviais e abastecemento do Camiño Subida a Cidadelle, na parroquia de Chapela.

A presidenta provincial, Carmela Silva, quixo destacar o investimento “fundamental” que están a realizar os concellos da provincia na renovación destes equipamentos e tendo en conta especialmente o aspecto medio ambiental, coa substitución dos maioritarios materiais de fibrocemento “que son moi contaminantes”.

Na actualidade, tanto o citado camiño como as instalacións de saneamento, abastecemento de auga e rede de pluviais encóntranse moi deteriorados, producíndose frecuentes incidencias por roturas. Deste xeito, coas obras previstas con estes recursos do plan provincial, renovaranse os colectores de saneamento e pluviais, e abordarase tamén a mellora da rede de abastecemento. Esta renovación das instalacións, así como da capa de rodadura, comprende un tramo de aproximadamente 500 metros lineais. A execución do proxecto deberá ser compatible co servizo ás vivendas existentes.