A Deputación mobiliza 9,5 millóns en iniciativas de cooperación cos concellos, cohesión social, igualdade e deportes

Carmela Silva: “É un investimento moi relevante para garantir servizos municipais fundamentais, permitir facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e continuar coa nosa aposta pola igualdade e o deporte, nos que esta provincia é referencia”

27/01/2023

Novos recursos da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar un ambicioso investimento por máis de 9,5 millóns de euros en materia de cooperación cos concellos, cohesión social, deportes e igualdade. Un investimento “moi relevante”, como destacou Carmela Silva, que está dirixido a “garantir servizos municipais fundamentais e permitir facer fronte a situacións de vulnerabilidade social, amais de continuar coa nosa aposta pola igualdade e o deporte”. Na súa meirande parte os recursos corresponden ao Plan Concellos (4 millóns) e a súa liña de Emprego, e que inclúe tamén o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais (2,5 millóns) e as Axudas Básicas de Emerxencia para municipios de menos de 20.000 habitantes (case 552.000€), subvencións deportivas (1,8 millóns) e o programa Conectadas de igualdade (324.000€) .

No caso do Plan Concellos, aprobáronse 26 achegas da Liña 3 de Emprego que beneficiarán aos concellos de Baiona, Agolada, Caldas de Reis, Covelo, Cuntis, Forcarei, A Lama, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Ponteareas, Portas, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilanova, Marín, Gondomar, A Guarda, A Illa e Meis. Con estas axudas, os concellos poderán contratar a un total de 329 persoas para garantir o desenvolvemento de “servizos fundamentais das competencias municipais”, como de limpeza, xardíns ou obras públicas. Contrataranse tamén peóns/as forestais, persoas guías turísticas, administrativos, traballadores/as sociais, monitores/as de tempo libre, auxiliares de biblioteca ou bibliotecarias/os entre outros. “Esta é unha liña fundamental para garantir eses servizos”

Por outra banda, no que atinxe á Liña 1 de Investimentos aprobáronse dúas achegas por 236.313€ , unha para As Neves (149.999€) para reparación das piscinas do equipamento da Caíña, para dar solución aos problemas de impermeabilización dos vasos e ás perdas de auga nas instalacións que dan servizo ás piscinas. E a outra para o Concello da Cañiza, por 86.313€, que lle permitirá sufragar parte da aportación municipal ao convenio coa Deputación para a transformación da estrada da Ponte das Achas.

No que se refire ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios, poranse á disposición dos concellos case 2,5 millóns de euros. Desa cantidade, 1,2 millóns de euros destínanse a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos domicilios por parte de persoal especializado, para atender a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente se carecen de apoio persoal, amais de dar unha resposta preventiva e socializadora fronte a situacións de familias en risco de exclusión. Os restantes 1,2 millóns son para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, entre os que se inclúen os profesionais do Servizo de Educación e Apoio Familiar. A presidenta volveu incidir en que estes proxectos “os debería financiar a Xunta, que ten competencias en política social, pero temos que facernos cargo o mundo local destes servizos fundamentais para garantir a igualdade e a inclusión social”.

Nas Axudas Básicas de Emerxencia (ABE) a Deputación incluirá como novidade principal neste 2023 a financiación nesta liña de axudas de estudo, dirixidas a persoas que se atopen cursando estudos oficiais en centros públicos de Galicia para a adquisición de material, “xa que na situación actual de inflación supón unha dificultade moi grande para as persoas que non teñen recursos”. Amais, seguiranse financiando  gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos, pagamento de desprazamentos a recursos asistenciais sanitarios ou necesidades básicas de roupa e calzado, entre outros, para persoas en situación de vulnerabilidade.

Amais, no marco do seu compromiso coa igualdade, lánzase a sexta edición do programa Conectadas, dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñen como obxectivo a consecución da igualdade entre mulleres e homes, a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e apoderamento. Carmela Silva lembrou que o obxectivo é “mellorar a formación básica das mulleres, crear redes para favorecer as relacións interpersonais ou intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital”.

Noámbito dos Deportes, no que a Deputación “é a administración que con fondos propios  máis recursos dedica e este eido na provincia”, aprobáronse as bases de tres liñas de axudas. Trátase das subvencións para clubs federados da provincia que participan en campionatos nacionais (ás que se destinan 850.000 euros), as axudas dirixidas a equipos que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal (625.0oo€) e as subvencións a entidades deportivas encargadas de organizar campionatos, eventos e actividades, con 300.000€. Neste último caso, increméntase a contía un 20% “porque somos moi conscientes de que financiar grandes eventos deportivos sitúanos como unha grande referencia, algo que xa somos no Estado”. “Hai que lembrar que estes grandes eventos na provincia –engadiu Carmela Silva- tamén supoñen un modo de atracción do turismo deportivo que ten un enorme valor e que cada vez é mais demandado”.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.