A Deputación recibe a Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez, campioas europeas de fútbol sala da provincia

As xogadoras do Marín Futsal e do Poio Pescamar acadaron o ouro continental xunto ao conxunto nacional na final celebrada en Hungría no mes de marzo

04/04/2023

Recepción Campioas Fútbol Sala

As futbolistas Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez, as dúas primeiras do Marín Futsal e a segunda do Poio Pescamar, foron recibidas no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, para celebrar o seu recente título europeo co equipo español feminino no Campionato de Europa de Fútbol Sala. A selección proclamouse campioa por terceiro ano consecutivo no mes de marzo tras derrotar a Ucraína na final celebrada en Hungría. Precisamente, das tres vitorias formaron parte Silvia Aguete e Luci Gómez, mentres que Ale de Paz leva dous europeos seguidos participando.

Gorka Gómez felicitou ás tres deportistas polo seu éxito, ao tempo que lembrou que o seu é un “fito histórico para o deporte da provincia e para elas mesmas, e este terceiro título consecutivo fala moi ben do traballo da Selección española, mais tamén das xogadoras e dos clubs da provincia”. Ademais, loou o seu traballo, “que non é fácil e que é colectivo, das xogadoras e de todo o equipo que está detrás, como o seu adestrador Adrián Paz, e o corpo técnico”, e lembrou que “detrás dos éxitos hai moitísimo sacrificio persoal e familiar, ademais de que moitas teñen que compaxinar  o seu traballo co deporte”.

O deputado tamén quixo aproveitar a ocasión para desexarlles sorte nos seus equipos para a recta final da temporada regular da Primeira División Feminina de fútbol sala, na que o Poio Pescamar ocupa o cuarto posto da clasificación e o Marín Futsal o oitavo. “Demostran que Pontevedra e as Rías Baixas son sinónimos de calidade e de cantidade de éxitos”, confirmou, ao tempo que lembrou que “nos últimos tempos, os éxitos do deporte da provincia e do español en xeral veñen principalmente do deporte feminino, só hai que ver os datos e cifras dos últimos anos. Incluso nos Xogos Olímpicos acadan máis recoñecementos, medallas e triunfos”.

A xogadora Luci Gómez, do Poio Pescamar, non dubidou en mostrar o seu orgullo polo que conseguiron en Hungría. “Hai moito sacrificio detrás, estamos a facer historia, e, sobre todo, encántame compartilo con estas compañeiras tan incribles, ao igual que o corpo técnico, pois todos os momentos que pasamos coa Selección son un luxo”. Pola súa banda, Ale de Paz, do Marín Futsal, subliñou a importancia de que o deporte feminino reciba visibilidade e asegurou que van “seguir traballando para que sexan moitos máis títulos os que poidamos traer”. En liñas semellantes expresouse a porteira do Marín Futsal, Silvia Aguete, que recalcou que a visibilidade é vital para “mellorar o noso deporte, porque nós estamos facendo todo o que nos corresponde, e á vista está, porque a nivel internacional coa selección española seguimos dando o callo. E seguiremos facéndoo”.

Galerias de imagenes