A Deputación converte o pavillón de Fornelos nun exemplo de equipamento sostible e eficiente

A presidenta Carmela Silva e o alcalde, Emiliano Lage, supervisaron o avance das obras financiadas ao abeiro do Plan ReacPon cun investimento superior aos 330.000 euros

13/03/2023

ReacPon Fornelos de Montes

Cun investimento superior aos 330.000 euros, o pavillón municipal de Fornelos de Montes poderá pronto presumir de ser máis sostible e eficiente desde o punto de vista enerxético. Trátase dunha actuación impulsada ao abeiro do plan ReacPon da Deputación, que se suma aos traballos de reforma desta instalación xa financiados anteriormente pola institución provincial a través doutro dos seus plans extraordinarios, o PICEI. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Fornelos, Emiliano Lage, visitaron estas obras que se atopan moi avanzadas e que, en palabras da presidenta, “van garantir que polo menos durante 30 anos máis Fornelos teña un pavillón nas mellores condicións e comprometido coa sostibilidade e o aforro enerxético”.

A obra de rehabilitación do pavillón está en liña cos obxectivos da Axenda 2030, xa que suporá “moito benestar nas persoas que o usen, co cambio de toda a súa cuberta e a creación dun ambiente moi agradable”, sinalou Carmela Silva, e ademais tamén suma medidas “para loitar contra enerxías contaminantes”. A presidenta deu os parabéns ao equipo de goberno de Fornelos “por tomar estas decisións que significan ter en boas condicións os equipamentos públicos”, e sinalou que as obras estarán rematadas nas vindeiras semanas. Deste xeito, Fornelos cumprirá os prazos de execución do ReacPon, algo que Carmela Silva puxo en valor para solicitar á Xunta de Galicia e resto de administracións “que confíen no mundo local e lle envíen recursos, porque non hai ninguén máis eficiente para xestionalos”. Con estes recursos, sinalou, os concellos “poden ter todo aquilo que garante que a xente queira vivir neles e cumprir o reto demográfico”.

A presidenta provincial lembrou que “a Deputación investiu máis dun millón de euros no complexo deportivo de Fornelos a través do PICEI, o Plan de Reequilibrio e o ReacPon”, un enorme investimento que “garante que a xente teña os mesmos dereitos e servizos viva onde viva”. Ademais, avanzou que a estes tres plans extraordinarios se lles sumará o PON2030, ao que “Fornelos presentará un proxecto para rehabilitar a piscina, que leva máis de tres décadas sen ter investimentos da Xunta, e que será acometida cos da Deputación de Pontevedra”.

Pola súa banda, o alcalde asegurou que “Fornelos está eternamente agradecido coa Deputación, porque sen os plans extraordinarios sería imposible facer un ximnasio ou remodelar o pavillón”, por iso solicitou “que siga esta traxectoria, porque somos moi conscientes de que sen unha presidenta como Carmela Silva todos estes investimentos serían imposibles”. Emiliano Lage sinalou que “todos os concellos da provincia din o mesmo: esta Deputación deulle unha volta á administración e á provincia de Pontevedra, e só hai que visitalos para saber o que se fixo, con total transparencia”.

O pavillón de Fornelos conta don dous volumes diferenciados, un coa pista e as gradas e outro cos vestiarios, a sala de curas e outros espazos técnicos. O pavillón comunica co CEIP Doutor Suárez –cuxo alumnado tamén emprega durante o horario lectivo– e forma parte do complexo deportivo da vila, formado polas piscinas municipais, o ximnasio, a pista de pádel e a pista multideportiva exterior. A execución do ximnasio e da pista de pádel tamén foi posible grazas á Deputación, que investiu 550.000 euros a través do Plan de Reequilibrio. Cos recursos do ReacPon, o pavillón contará con enerxías sostibles que facilitan a transición ecolóxica. Deste xeito substituíuse o anterior sistema de iluminación por luces con tecnoloxía LED, e a caldeira de gasóleo por unha de biomasa. Tamén en materia de eficiencia enerxética, instalouse ventilación mecánica con recuperación de calor, renovouse a instalación eléctrica e eliminouse a condensación ao instalar calefacción e ventilación mecánica. A mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica conseguiuse grazas á instalación de illamentos térmicos e á dotación de paneis sándwich nas fachadas e na cuberta, co que mellora a estanquidade. O resultado é unha edificación máis luminosa e cun aspecto máis diáfano.

Tamén se aumentou a superficie cuberta do corredor entre as edificacións do pavillón e o ximnasio maila pista de pádel co que comunican os vestiarios –no pavillón– co resto de servizos. Finalmente, aumentouse a seguridade na práctica deportiva ao substituír as placas de fibrocemento con amianto.

Unha escultura da Escola de Cantería representa en Fornelos “as novas masculinidades”

A carón do edificio multiúsos e preto do parque infantil cuberto, a presidenta Carmela Silva e o alcalde Emiliano Lage tamén hoxe inauguraron en Fornelos a escultura "Home con neno en brazos", unha peza elaborada polo exalumno da Escola de Cantería Emilio González. A presidenta valorou a beleza desta obra, dun home coidando un bebé, así como o simbolismo de “representar en pedra as novas masculinidades, porque o habitual é ver moitas maternidades nas esculturas, mulleres agarimando rapazas e rapaces no colo”. Tamén sinalou que estas pezas “falan da nosa tradición, xa que somos un país de cantería, á vez que embelecen os espazos públicos”. Pola súa banda o alcalde sinalou que “esta é a terceira peza que vén a Fornelos procedente da Escola de Cantería, trala fonte situada na praza do Concello e a figura do brigadista xunto á Igrexa”.

Galerias de imagenes

videos