Recta final das obras do ReacPon en Ponteareas, que xunto ao convenio para Sarmiento Rivera suporán un “cambio épico” no centro urbano da vila

A Deputación inviste case un millón de euros para triplicar o espazo peonil na rúa Trobador Xoán García de Guillade e crear o primeiro camiño escolar seguro da vila. A actuación complétase coa reordenación da avenida Sarmiento Rivera, na que se invisten 630.000 €

14/03/2023

Ponteareas vive a transformación integral do seu centro urbano coas novas actuacións implementadas pola Deputación de Pontevedra. Por un lado, a vila está a piques de contar co seu primeiro camiño escolar seguro a través dos recursos do plan extraordinario ReacPon, que encara a súa recta final e suporá transformar por completo o núcleo central  triplicando o espazo público para as persoas e dando seguridade ao tránsito peonil cara ao CEIP Ramiro Sabell. A presidenta Carmela Silva, que supervisou hoxe os traballos xunto á alcaldesa Cristina Fernández, remarcou que se trata “dun cambio épico, en consonancia cunha clara aposta por facer de Ponteareas unha vila amable onde as persoas están no centro e o espazo público se recupera para o pracer da xente”. As obras, cun orzamento de preto dun millón de euros e totalmente sufragadas pola Deputación, con 723.000 € do ReacPon e máis de 240.000 euros a través do Plan Concellos, complétanse coa transformación da avenida Sarmiento Rivera na que se invisten 630.000 € e cuxo convenio foi asinado esta mañá.

Carmela Silva sinalou que “Ponteareas estase a converter nunha referencia, porque non hai moitos concellos que aposten por crear grandes proxectos como o camiño escolar en ámbitos con moito tránsito”. A través do ReacPon, o cambio épico está a converter “un espazo que non era amable, tiña moita inseguridade e non permitía que nin a infancia, nin as persoas maiores, nin as persoas con dificultades de mobilidade puideran desenvolverse con liberdade” nunha nova contorna onde as persoas “poderán transitar gozando dese espazo” co que “cambiará a vida da xente e se darán relacións sociais”. En definitiva, “unha obra integral, cunha mirada transformadora e que embelece Ponteareas”, asegurou a presidenta. Carmela Silva lembrou tamén que os proxectos de transformación do espazo público liderados pola Deputación e compartidos polo Concello de Ponteareas son, fundamentalmente, “unha aposta pola sostibilidade”. “O espazo público –remarcou a presidenta– é noso, forma parte da comunidade, e por iso as sociedades máis avanzadas son as que están formulando novos valores e novos modelos que dan unha calidade de vida incomparable”.

A alcaldesa Cristina Fernández asegurou que coas obras “o alumnado achegarase aos seus centros con seguridade, pero ademais esta é unha zona moi utilizada para pasear e achegarse a servizos como o cemiterio ou o centro sanitario”. Con este proxecto “uniremos a zona peonil do centro, que tamén recibiu achegas do plan Ágora da Deputación, cunha das saídas á parroquia de Fontenla, unha das máis achegadas ao núcleo urbano”. Ademais, a alcaldesa de Ponteareas puxo en valor que, en paralelo á recuperación de espazos públicos, “queremos converter a vila nunha especie de xardín, coa plantación de distintas especies de arborado de grandes dimensións para que dean sombra ás persoas camiñantes”, e subliñou “a dotación de bancos para que a xente que sae pasear por Ponteareas”, sobre todo a maior, “poida descansar cada pouco”.

A actuación financiada co ReacPon, e que foi percorrida hoxe pola presidenta e a alcaldesa, está a configurar un camiño escolar seguro nun tramo de 1100 metros de rúas e estradas de Ponteareas, co que se triplica o espazo para as persoas apostando pola mobilidade sostible e segura e dando prioridade ao dereito das nenas e nenos en idade escolar a moverse con liberdade, sexa a pé ou en bicicleta. Este percorrido ten un grande uso social, pois é empregado para desprazarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha, á futura Escola Infantil e ao cemiterio; e tamén para desprazarse camiñando ao centro desde O Barral, Fontenla ou Arcos.

A través desta actuación estase transformando un espazo anteriormente degradado, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspito, dotándoo dunha senda peonil e ciclable que creará un camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell, pero tamén ao IES Val do Tea, o IES Pedra da Auga e o IES do Barral (máis de 1500 escolares). Deste xeito foméntase a autonomía infantil maila redución do tráfico e da contaminación, ao xerar un hábitat saudable, amable, inclusivo e de calidade. Para conseguilo, estanse executando zonas de plataforma única e peonalizando por completo as rúas Forno Telleiro e dos Nardos, entre o Paseo Matutino e a contorna do parque. Ademais, refórmase a sección viaria entre a rúa dos Nardos e o acceso ao CEIP Ramiro Sabell para mellorar a seguridade. Neste tramo, cun único carril dun sentido, plantaranse preto de 200 árbores, crearanse beirarrúas de 4,5 metros e disporanse prazas de aparcadoiro. Amais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotala de maior seguridade.

Convenio para recuperar espazo público no tramo urbano da EP-4006 en Sarmiento Rivera

A transformación urbana de Ponteareas completarase con novos investimentos da Deputación. Carmela Silva e Cristina Fernández asinaron o convenio para facer fronte á recuperación do espazo público para as persoas na Avenida Sarmiento Rivera, un treito urbano da EP-4006 que dará continuidade ás obras do ReacPon e contará con 630.000 € de investimento, dos cales a Deputación achega o 70% (411.300 €) e o 30% restante o Concello (189.000 €). A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira este tramo ao Concello de Ponteareas.

A presidenta da Deputación sinalou que, grazas ao convenio, “esta estrada provincial converterase nun espazo amable”. “Inmediatamente aprobaremos o proxecto e a continuación licitarémolo”, asegurou a presidenta provincial, que afirmou que, entre o ReacPon “que está a piques de rematar” e este novo proxecto, “estamos permitindo que haxa unha gran transformación para mellorar a vida da xente: un cambio sen precedentes en Ponteareas”.

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou o carácter “estratéxico” da rúa, de entrada e saída desde outros municipios da zona como As Neves ou Arbo. “Queremos dotala de maior estética e maior utilidade, e sabemos que a veciñanza da parroquia de Fontenla, unha vez remate, quedará moi contenta”. Fernández, ademais, asegurou que “a Deputación é unha administración coa que a colaboración é máxima”, e sinalou como grazas aos proxectos apoiados pola institución provincial “Ponteareas estase convertendo nunha ‘vila 10 minutos’”.

As obras acometeranse entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Redondela, a carón da Casa do Concello. Con elas, melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas creando un itinerario peonil que dará solución á actual carencia de beirarrúas. Tamén se dotará de pasos peonís sobreelevados, adecuarase a iluminación, renovarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse os servizos afectados pola execución das obras.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.