Ata 57 dos 59 concellos da provincia presentan proxectos ao Plan PON2030 da Deputación
A maior parte das propostas son de humanización e recuperación do espazo público, actuacións en instalacións deportivas, proxectos de eficiencia enerxética, equipamentos socioculturais, instalacións turísticas e proxectos de adaptación á Lei de Residuos
28/04/2023
Ata 57 dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia teñen presentado un proxecto ao novo plan extraordinario PON2030 da Deputación, dotado cun orzamento de 22 millóns de euros, para achegas aos municipios a fin de enfrontar grandes obras de infraestruturas e dotacións municipais. A presidenta, Carmela Silva, destacou hoxe a resposta dos concellos que converte este plan “nun proxecto que vai permitir seguir coas transformacións que se están a desenvolver nesta provincia” e unha mostra da planificación con que están a funcionar os concellos “que saben que é fundamental ter proxectos redactados para poder usalos en caso de que saia financiamento extra”. Mos e Mondariz Balneario foron os únicos municipios que non presentaron proxectos no prazo que rematou o pasado 21 de abril e que foi de 45 días.
No marco deste plan, os concellos podían acollerse a catro tipos de axudas e, neste senso, 17 das propostas acolléronse á Liña 1 de rehabilitación de edificios e instalacións municipais; outros 9 proxectos á Liña 2 relativa á construción de novos equipamentos e dotacións; un total de 29 á Liña 3 de recuperación, urbanización ou reurbanización de espazos públicos e 2 proxectos á Liña 4 de adaptación á Lei de Residuos e chans contaminados e para fortalecer a economía circular.
Máis polo miúdo, a presidenta explicou que dos 57 proxectos presentados, a maior parte, un total de 29, abordan a humanizacións de rúas, espazos e recuperación de espazo público; 12 son actuacións en instalacións deportivas; 6 son proxectos de eficiencia enerxética; 5 refírense á equipamentos socioculturais; 2 a instalacións turísticas; 2 ao cumprimento da Lei de Residuos e 1 de recuperación patrimonial. Carmela Silva citou como exemplos os proxectos para acondicionar piscinas, campos de fútbol e pavillóns, actuacións nos cascos históricos ou nas prazas de abastos, edificios para complexos termais, casas da cultura, sendas peonís, eficiencia enerxética en casas do Concello e iluminación sostible, edificios polivalentes, acondicionamento de prazas e rúas.
A partir de agora unha comisión de persoas expertas formada por “exclusivamente persoal técnico”, avaliará os proxectos presentados, nos que se terá en conta “a madurez, a súa contribución a unha economía descarbonizada, a calidade e a consecución de obxectivos da Axenda 2030”. En primeiro lugar, realizarase o estudo das solicitudes e comprobación documental e técnica dos proxectos polo servizo instrutor (Cooperación) e se é necesario requiriranse as emendas que procedan, que deberán presentarse no prazo de 10 días hábiles. Á vista de toda a documentación, elaborarase o informe-proposta, no que figurará a valoración feita pola comisión de persoas expertas á luz dos criterios de valoración establecidos nas bases, establecendo unha puntuación para cada proxecto. Posteriormente, o Servizo Intervención elaborará o informe de fiscalización de todos os expedientes e do informe proposta, que será estudado tamén por parte da Comisión de Avaliación, integrada pola xefa do Servizo de Cooperación; unha técnica/o deste Servizo; unha técnica/o do Servizo de Arquitectura; unha técnica/o de Infraestruturas e Vías Provinciais e unha técnica ou técnico da Intervención, amais do secretario da Deputación. Finalmente, elaborarase a proposta de resolución definitiva, que se elevará ao pleno da Deputación para a súa aprobación.