Vilaboa, Oia, Fornelos, A Cañiza e Crecente reciben as primeiras achegas do Plan Provincial para facer fronte aos danos das inundacións do nadal

A Deputación xa tiña aprobados dous millóns de euros para os concellos de menos de 20.000 habitantes que sufriron os efectos das trombas de auga

30/06/2023

Os concellos de A Cañiza, Crecente, Fornelos, Oia e Vilaboa son os primeiros en recibir as achegas do Plan extraordinario de axudas contemplado dentro do PON2030 e dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes damnificados polas inundacións deste inverno. O reparto das achegas vén de ser aprobado na Xunta de Goberno e estes cinco municipios reciben en conxunto 452.980€ para financiar na súa totalidade diversas actuacións de limpeza, reparación e construción de muros e viarios danados por mor destes alagamentos.

O Concello da Cañiza terá unha achega de 122.051 euros para os traballos de reparación dos danos causados polas choivas nos lugares de As Laxas e A Xesteira, na parroquia de Petán (desprendementos en pistas municipais), e no lugar de A Costa, na parroquia de Oroso, onde apareceron fochancas na pista municipal.

Fornelos de Montes recibe 104.616 euros para cofinanciar dúas obras, os arranxos no pavimento do Camiño da Portela e a execución de cinco muros de contención nos camiños de Couñago, Outeiro, Estacas, na Subida a Moa en Ventín de Abaixo, Camiño da Erbededa en Ventín e no de Costa Barreira en Airoa (A Laxe), que foran danados polas inundacións.

No caso de Crecente, a achega provincial, por importe de 87.180 euros,  financiará as actuacións de limpeza dos viarios en Varóns-Filgueira e Rego-Filgueira, con tramos afectados por desprendementos de pedras e terras e que o Concello tivera que cortar durante varios días, así como outro viario en Mollapán (parroquia de Freixo), no que un desprendemento de pedras e terras acabou nunha parcela particular, afectando gravemente a unha construción de uso almacén agrícola. Amais, na contorna do núcleo rural de Mosteiro (parroquia de Albeos) repararase un tramo do muro perimetral do recinto de festas, tamén denominado Área recreativa de Mosteiro, no que se producira un derrube. As outras actuacións incluídas son a reconstrución de muros en viarios de  Ribeira de Abaixo (parroquia de Ribeira); Nane (Freixo); Parada (Rebordechán); en Souto (Filgueira) e en Pereiras (Sendelle).

Vilaboa recibirá 69.697 euros, cos que poderá acometer a reconstrución de muros de contención en diversos viarios municipais no Souto-Paredes, A Graña, Río, Riomaior, Alcouce, Magarella e Outeiro-Bértola, que foran danados polas inundacións. Nestas zonas producíronse esborrallamentos parciais dos muros, provocando tamén o deterioro do firme coa presenza de fendas no pavimento, que derivaron nun elevado risco de derrubamento e afectou ás citadas vías municipais que dan acceso aos núcleos rurais onde reside un importante número de persoas.

E en Oia son catro as actuacións que se financian cunha achega de 69.435 euros. En concreto, a recuperación e consolidación de tres muros de contención, dous deles na rúa Acevedo Darriba e no camiño do Visiño, nos cales debido as fortes precipitacións producíronse filtracións e derrrubouse parte dos muros cara propiedades privadas; e outro no Campo de Fútbol Vello de Oia, no que a auga acumulada xerou unha fenda ao longo do lindeiro oeste e dita filtración derrubou parte do muro de contención tamén cara unha propiedade privada. Amais, financiarase a construción dun novo muro de contención nun tramo comprendido dentro do camiño Portela-Burgueira.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.