A Deputación promociona a oferta turística da provincia e os seus mellores cociñeiros no Fórum Gastronómico da Coruña

A deputada provincial Nava Castro participará este domingo na inauguración do evento na Coruña, onde a Deputación situará un stand propio para promover a gastronomía da provincia de Pontevedra

22/03/2025

A Deputación de Pontevedra leva a campaña Cando volves? ao Fórum Gastronómico, que se celebrará no Expocoruña da cidade da Coruña entre os días 23 e 25 de marzo. A deputada provincial Nava Castro, responsable de Turismo Rías Baixas, participará este domingo no acto inaugural da feira, onde a Deputación contará cun stand propio e ademais patrocinará distintas sesións de promoción de gastronomía con algúns dos principais cociñeiros da provincia de Pontevedra: Javier Olleros, Pepe Solla e Iñaki Bretal, que a través de ponencias e sesións de cociña en directo porán en valor a súa especial vinculación co territorio.

Coa participación no Fórum Gastronómico da Coruña, un escaparate da innovación gastronómica dos máis importantes que se celebran en España, a Deputación de Pontevedra busca divulgar a relevancia que ten a gastronomía no posicionamento das Rías Baixas como destino turístico, sendo un dos seus principais recursos e atractivos.

Ademais, a asistencia da Deputación ao Fórum Gastronómico enmárcase no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, que contempla as feiras especializadas en turismo e os seus produtos dentro das estratexias en materia de promoción e márketing das Rías Baixas. Neste eido, xunto coas sesións de cociña e a presenza no Fórum Gastronómico cun stand propio, a Deputación de Pontevedra tamén terá visibilidade a través dos medios dixitais da feira.