A Deputación pon en valor a súa aposta polo turismo sostible e de interior no foro que a Asociación Española de Directores de Hoteis organiza en Sanxenxo

Na xuntanza a deputada de Turismo, Nava Castro, expuxo as principais liñas de traballo que lidera a institución provincial para avanzar na sostibilidade turística da provincia, destacando, entre outras cuestións, a campaña Cando volves? que acaba de recibir o premio de ouro do Japan World´s Tourism Film Festival

25/03/2025

A Deputación de Pontevedra puxo en valor a súa aposta polo turismo sostible no foro que a Asociación Española de Directores de Hoteis organizou no Gran Talaso Hotel de Sanxenxo. Tratouse dunha xornada de formación e networking na que se debateu sobre tecnoloxía, distribución, hostalería e turismo e se avanzou no impulso do liderado compartido no turismo. Durante a xuntanza, a deputada de Turismo, Nava Castro, quen ademais recolleu o recoñecemento Venusitas como xestora turística, expuxo as principais liñas de traballo que lidera a institución provincial para avanzar na sostibilidade turística da provincia, destacando, entre outras cuestións, a campaña Cando volves? que acaba de recibir o premio de ouro do Japan World´s Tourism Film Festival.

Nava Castro remarcou a importancia de encontros como o celebrado en Sanxenxo, “que redundan no impulso dun sector turístico máis competitivo e con maiores oportunidades”, e comezou a súa intervención afondando na diversificación da oferta da provincia de Pontevedra como un dos puntos fortes para avanzar na sostibilidade turística. “A nosa oferta diversificada e o crecemento da demanda internacional, que nos sitúan como un dos grandes referentes da España Verde, están a facer que Galicia siga a despuntar como destino turístico, sempre da man de dúas das súas grandes sinais: a sostibilidade e a calidade”, destacou ao tempo que relacionou estes aspectos coa campaña promocional deste 2025, Cando volves?, centrada nunha oferta diversificada, no turismo do interior, na hospitalidade e no carácter acolledor da xente da provincia.

Tamén puxo en valor a necesidade de apostar pola innovación sen perder as sinais de autenticidade da provincia: “innovar e ser auténticos non están rifados. O auténtico é unha diferencia e unha vantaxe competitiva que nunca debemos deixar ao marxe na nosa estratexia de destino, sempre apostando pola innovación para converternos nun destino máis sostible”. Neste eido, Nava Castro recordou proxectos como Tourist Inside ou a Plataforma Intelixente de Destinos, nos que está a traballar a Deputación, así como a importancia de apostar por experiencias inmersivas, as tecnoloxías, as apps, o emprego dos teléfonos móbiles, a realidade virtual e aumentada ou as plataformas dixitais.

A deputada provincial remarcou o papel da gastronomía no turismo da provincia de Pontevedra, como un dos grandes puntais. “Temos unha forte identidade gastronómica da que presumimos e nos sentimos moi orgullosos e, ademais, temos aplicado a innovación ás nosas preparacións, con numerosas estrelas Michelin e soles Repsol que avalan o traballo que se está a desenvolver aquí, na provincia”, subliñou. Castro fixo fincapé na gastronomía e na aposta polo produto local e de proximidade, así como en iniciativas que se están a liderar desde os mercados locais para proporcionar experiencias sostibles para as persoas visitantes.

Outra das cuestións que centrou a intervención de Nava Castro foi a formación e a profesionalización do sector turístico. Neste eido puxo en valor o traballo que se está a desenvolver desde a provincia de Pontevedra en canto á calidade, como o SICTED ou a Q de Calidade, “o que nos obriga a poñer en marcha procesos de mellora continua e de actualización constante e permanente para seguir sendo competitivos  e sostibles a longo prazo”. Tamén recordou a importancia de acadar un maior coñecemento das persoas turistas, mediante o estudo de tendencias ou a análise de datos, para dar respostas ás súas necesidades, e de proporcionar información de calidade aos visitantes, como a que se achega desde a Rede Info Rías Baixas, como aspecto fundamental “para a mellora da súa experiencia global no destino e para conseguir tamén unha maior implicación en canto aos retos da sostibilidade”.

E o equilibrio foi unha das cuestións máis nomeadas na xornada. “Falei de equilibrio entre innovación e autenticidade, pero tamén debemos equilibrar os intereses económicos do turismo coa calidade de vida dos habitantes que viven na nosa provincia mediante un enfoque integral da planificación turística que aposte pola sostibilidade entendida desde o punto de vista ambiental, cultural e económico, algo que nós tivemos moi claro á hora de elaborar a Estratexia Rías Baixas 61”, subliñou a deputada. Neste eido, Nava Castro  recordou que  para a elaboración da estratexia turística provincial se organizaron mesas de traballo en todas as comarcas da provincia co fin de incorporar as demandas e inquedanzas de todos os axentes sociais.

Galardón Venusitas

Durante a xornada que a Asociación Española de Directores de Hoteis organizou en Sanxenxo tamén se recoñeceu o traballo que desenvolve a deputada provincial Nava Castro como xestora turística. Deste xeito, Castro recibiu o galardón Venusitas e fíxoo remarcando que “se trata dun premio compartido con todas as persoas que traballan para o avance do sector turístico en Galicia”. Para a deputada é fundamental “camiñar xuntos, sector público e privado para situar a provincia de Pontevedra e Galicia no mapa mundial, para divulgar os seus atractivos e repercutir na prosperidade da nosa xente”. Tamén agradeceu o papel desenvolvido por “todas as persoas que me acompañaron na Xunta de Galicia e agora na Deputación de Pontevedra porque sen as súas ideas e traballo para sacar adiante todos os proxectos, de seguro que eu non estaría aquí recollendo este premio”.