O castelo de Soutomaior converterase este martes no epicentro do feminismo cunha xornada da Escola María Vinyals sobre emprendemento e innovación

A Deputación e a Cátedra Iberoamericana da USC organizan unha xornada na que 17 expertas tratarán temas como a transición ecolóxica ou a intelixencia artificial ante máis dun cento de persoas que esgotaron as prazas dispoñibles

19/09/2022

O Castelo de Soutomaior revalídase este martes como baluarte do feminismo na provincia cunha intensa programación centrada na importancia que as mulleres tiveron, teñen e terán para o desenvolvemento da sociedade. Neste senso, terá lugar a xornada “Axenda 2030. Emprendemento Feminino e Innovación”, o terceiro encontro neste 2022 da Escola de Igualdade María Vinyals, que a Deputación de Pontevedra leva a cabo nesta ocasión coa Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago. A ela acudirán 17 expertas para tratar o papel que xogan as mulleres no emprendemento, a transición ecolóxica ou a intelixencia artificial ante máis dun cento de persoas que esgotaron as prazas dispoñibles. Entre elas atópase unha trintena de alumnas/os e profesorado do IES Luis Seoane de Pontevedra, un centro exemplo de igualdade.

O emprendemento feminino e a innovación serán o fío condutor de máis de dez horas de debate ás que Amparo Alonso, unha das científicas de maior referencia no campo da Intelixencia Artificial, porá o broche de ouro ás 18.00 horas cunha conferencia titulada “A Intelixencia Artificial debe ser feminista” na que tratará entre outras cuestións a necesidade dos algoritmos feministas neste campo. Antes as e os asistentes terán a oportunidade de escoitar á presidenta da Deputación, Carmela Silva, á directora da xornada, María Xosé Rodríguez Calo, e á directora da Cétedra e coordinadora da xornada, María Cadaval, que serán as encargadas de abrir a xornada ás 9.30 horas.

Trala apertura chegará a quenda das tres mesas de debate. A primeira comezará ás 10.00 horas e baixo o título de “Innovación tecnolóxica e xénero” contará coa coordinación de Mar Rodríguez Fernández, experta en transformación dixital do sector público, e as intervencións de María Camacho Gascò, directora de negocio de Plexus TEC; Berta Caro Mirás, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis; Sandra Castro Álvarez, executiva de contas de Fuell; e Ana Malde Lagóstena, xestora de contas de clientes de servizos públicos de Accenture para Galicia, Asturias e Cantabria.

Na segunda das mesas falarse de “Emprendemento feminino e innovación no sector primario” baixo a coordinación de Carmen José López, avogada socia en Lustrum Abogados e mentora na Escola de Organización Empresarial, e coa participación de Sandra Amézaga Menéndez, secretaria de Mulleres Salgadas; Elisa Rubí Cano, de Adega Terra de Asorei e profesora de Química Analítica na USC; Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, S. L.; e Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e administradora de Sementares, S. L.

E antes da conferencia de Amparo Alonso, ás 16.00 horas, as e os asistentes desfrutarán dunha mesa centrada nas “Emprendedoras con formación universitaria que crean tecido empresarial en Galicia” que será coordinada por Eva López Barrio, coordinadora do programa “Innovatia 8.3” da USC, e na que tomarán a palabra Catalina Fernández de Ana Portela, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro Aznar, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo Fernández, promotora de Proplantae.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.