O Museo de Pontevedra presenta unha adaptación para monicreques e cantar de cego do Romance de unha fatal ocasión, dirixida por Quico Cadaval

O mércores 22 de novembro, ás 19:00 horas, presentarase no Edificio Castelao a edición facsimilar de dous romances inéditos realizados en 1935 por membros do Seminario de Estudos Galegos e representarase a adaptación teatral a cargo de Larraitz Urruzola, Francisco do Romualdo e Quico Cadaval

14/11/2023

facsímiles de Romance de unha fatal ocasión

O Museo de Pontevedra presentará o próximo mércores 22 de novembro, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao a edición facsimilar de dous romances humorísticos ata agora inéditos, realizados polos membros do Seminario de Estudos Galegos en 1935. Un deses textos é o Romance de unha fatal ocasión, que Quico Cadaval, Larraitz Urruzola e Francisco do Romuado van poñer en escena nese acto nunha versión para monicreques e cantar de cego, coa dirección e dramaturxia realizada para a ocasión por Quico Cadaval.

A publicación que se presentará é unha carpeta que contén os facsímiles de Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator Peruensis, dous romances que varios membros do Seminario de Estudos Galegos elaboraron no contexto da xeira da comarca de Deza e que dedicaron a seminaristas ausentes. Completan a edición dous estudos introdutorios, realizados por María Jesús Fortes Alén, responsable da Área de Documentación do Museo de Pontevedra. A transcrición dos textos é de Eva Pena Rodríguez, técnica do Arquivo Documental do Museo.

Romance de unha fatal ocasión é un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios membros do Seminario de Estudos Galegos, aínda que o estudo de Fortes Alén defende que a autoría do conxunto sería de Xosé Filgueira Valverde. O texto dedicáronllo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acababa de ser desterrado a Badaxoz, aínda que tamén se estende a outros ausentes: Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón. O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do Arquivo Documental do Museo.

O documento inclúe ilustracións de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. Os versos do romance teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do seminario: Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo “Xocas”, Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros.

Tibi Bastianus Imperator Peruensis é o segundo romance, de características similares e que non se coñecía publicamente ata que este ano lle foi doado ao Museo de Pontevedra por Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González García-Paz. É a este membro do Seminario de Estudos Galegos a quen lle dedican a composición dous amigos e compañeiros do seminario: Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” e Xaquín Lorenzo “Xocas”.

Este segundo romance data do 15 de xullo de 1935, cun texto escrito por Ben-Cho-Shey que remite na temática á tradición tardomedieval, o que tamén se reflicte na coidada caligrafía. Acompañan o texto ilustracións de Xocas nas que aparecen as e os personaxes do poema: unha moura encantada, o propio Sebastián González e o seu profesor, o “furibundo” Abelardo Moralejo, na forma dun dragón.

En ambos os casos trátase de obras que os membros do seminario lles dedican aos compañeiros ausentes nas xeiras. O seminario organizábase en seccións dedicadas a distintas disciplinas, pero que periodicamente realizaban saídas conxuntas de arredor dunha semana a diferentes comarcas galegas, nas que se reunían o maior número de membros posible e nas que buscaban recoller información sobre o terreo, poñela en común e intercambiala. O recoñecemento de Deza comezou en 1928 e intensificouse nos veráns de 1934 e 1935; foi neste último período cando se compuxeron estes dous romances.

Adaptación teatral

Con motivo da presentación desta edición facsimilar, o Museo de Pontevedra encomendoulle a Quico Cadaval a dramaturxia e dirección dunha adaptación teatral do Romance de unha fatal ocasión. O resultado é unha peza para monicreques e cantar de cego na que Cadaval estará acompañado en escena de Larraitz Urruzola, a cargo dos monicreques, e Francisco do Romualdo, das músicas e cantos. Volverá representarse o mércores 22 de novembro, a continuación da presentación da edición facsimilar.

Esta peza sitúase na xolda da fin da xeira de Deza de 1935. Os membros do seminario, animados por Filgueira Valverde, escriben para os ausentes unha carta en forma de romance humorístico. Como explica Quico Cadaval, é unha crónica daqueles días, en versos de desigual inspiración, para aledar as saudades de Castelao, desterrado en Badaxoz.

“Temendo que non chegue a destino por mor da censura do Bienio Negro, os seminaristas deciden enviala polo medio mais seguro: na memoria e na voz do zanfonista Romualdo, e na picardía e talento da fantocheira Ildara, rapaza do cego. Esta parella chega a Badajoz, fai madrugar a Castelao, e despois duns aires da terra tocados coa zanfona, os artistas populares fan o seu espectáculo para o adurmiñado Daniel. O cego canta o romance e a moza brinca os bonecos. Mais unha vez, a arte popular, tosca e antroideira, inxenua e arcaica, faise carne ante os pitoños ollos do rianxeiro, e dos que se acheguen ao engado da música. Ao final, repenican na lata os patacos de cobre que pagan a arte dos pobres. Ao final, repenican na lata os patacos de cobre que pagan a arte dos pobres”.

Galerias de imagenes