O Museo publica na súa web un mapa interactivo coas notas recollidas polo Seminario de Estudos Galegos nas xeiras de Deza

O Museo pon a disposición da cidadanía as transcricións dos cadernos de Xosé Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz sobre o patrimonio artístico de 70 parroquias de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces

05/12/2023

Captura da web das xeiras

Entre a documentación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que conserva o Arquivo do Museo de Pontevedra atópanse varios cadernos e notas soltas con apuntamentos recollidos por Xosé Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz durante as xeiras de Deza, as saídas conxuntas pola comarca que fixeron os membros do Seminario entre 1928 e 1935. A transcrición destas anotacións está agora dispoñible para a cidadanía nunha sección na web do Museo, no enderezo https://museo.depo.gal/as-xeiras-de-deza

O espazo web conta cun mapa interactivo a través do cal é posible navegar polas 70 parroquias ás que se refiren as notas que se conservan no Museo. Son 47 de Lalín, 9 de Vila de Cruces, 6 de Agolada, 5 de Rodeiro, 2 de Silleda e 1 de Dozón. Na páxina de detalle de cada parroquia atópase unha pequena introdución sobre o paso dos membros do Seminario de Estudos Galegos, unha galería de imaxes con fotografías e debuxos realizados polos seminaristas, e un documento en PDF coa transcrición das notas de campo tomadas por Filgueira e González.

O contido do espazo web complétase cun buscador para acceder á base de datos das transcricións e unha páxina de artigos relacionados co Seminario de Estudos Galegos. Este repositorio, que irá medrando nos próximos meses, conta neste momento cun artigo de María Jesús Fortes Alén sobre o misterio da manipulación dunha das fotos máis coñecidas dos membros do Seminario; dous estudos que acompañan a edición facsimilar de Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator Peruensis editada polo Museo; e un artigo coa transcrición, a cargo de Eva Pena Rodríguez, das actas do SEG entre 1923 e 1926.

As notas que se publican neste espazo web sobre as xeiras de Deza son principalmente anotacións de arte das distintas igrexas, aínda que acompañan referencias de carácter etnográfico, lingüístico, arqueolóxico, histórico etc. Como explica María Jesús Fortes Alén, responsable do Arquivo do Museo, “estes materiais ían ser a base para a elaboración dun estudo artístico definitivo dos pazos e, sobre todo, das igrexas no proxecto global de Terra de Deza pero, como é ben sabido, os resultados da investigación conxunta nunca chegaron a publicarse e, como moito, atópanse espallados polos arquivos persoais dos compoñentes do Seminario”.

As anotacións que agora se publican poden achegar información sobre pezas desaparecidas ou cambiadas de emprazamento e ditos ou tradicións xa fóra de uso. Fortes Alén cita como exemplos máis destacados “os casos do tímpano de Palmou ou os capiteis de Bermés, os costumes en vodas, enterros ou festas, os ditos e vocabulario e incluso as impresións sobre a paisaxe”.

Programación polo centenario

A publicación deste espazo web forma parte da ampla programación coa que o Museo de Pontevedra celebra o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. As actividades arrancaron en setembro, cando se realizaron dúas saídas a castros de Silleda e Lalín e ao mosteiro de Carboeiro, respectivamente, lembrando as xeiras á comarca de Deza. En outubro, o Museo organizou unha xornada de conferencias sobre o papel de Pontevedra e os pontevedreses dentro do Seminario. Xa en novembro tivo lugar unha xornada sobre o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, de Ramón Sobrino Buhigas, obra de referencia da arqueoloxía galega publicada polo SEG en 1935.

A última acción conmemorativa foi a publicación en edición facsimilar de dous romances inéditos de 1935: o Romance de unha fatal ocasión, que os seminaristas dedicaron a Castelao, e o Tibi Bastianus Imperator Peruensis, que dedicaron a Sebastián González García-Paz. A publicación, que inclúe estudos introdutorios e a transcrición dos textos, acompañouse da adaptación teatral do Romance de unha fatal ocasión, que adaptou Quico Cadaval para monicreques e cantar de cego e puxo en escena xunto a Larraitz Urruzola e Francisco do Romualdo.