O Museo incorpora á exposición permanente unha espléndida vista de Pontevedra de Eliseo Meifrén cedida en depósito polo Prado

Oraciones (Pontevedra), que obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de 1906, completa o conxunto de pinturas do impresionista catalán no Museo, con varias obras resultado da súa estancia na cidade en 1904

21/11/2023

Instalación do cadro de Eliseo Meifrén

O Museo de Pontevedra vén de incorporar unha destacada obra á súa colección permanente no Edificio Castelao. Trátase do óleo ‘Oraciones (Pontevedra)’ de Eliseo Meifrén, unha espectacular pintura de 130 x 150 cm que recolle unha vista da cidade do Lérez ao solpor e que recibiu a primeira medalla da Exposición Nacional de 1906. A peza foi cedida en depósito polo Museo Nacional del Prado e desde hoxe pódese ver nas salas dedicadas á arte española dos séculos XIX e XX.

‘Oraciones (Pontevedra)’ é unha pintura realizada arredor de 1905. É especialmente representativa da produción de Meifrén, ademais de ter unha evidente relación temática coa nosa cidade. En agosto de 1904, o pintor catalán viaxou a Pontevedra, unha estancia da que saíron varias obras que realizou nos seguintes anos. O Museo xa exhibía dous pequenos óleos que mostran as lavandeiras no río Gafos e outro cunha vista de Combarro, ademais de ‘Epílogo’, un cadro de gran formato datado en 1888. Este novo depósito completa o conxunto de obras desta destacada figura da pintura española do cambio de século que se exhiben no Museo.

Este óleo recolle unha paisaxe de Pontevedra ao solpor, tomada desde A Caeira, ao outro lado do Lérez. No perfil da cidade destaca unha vista subxectiva da basílica de Santa María a Maior, que sobresae sobre os tellados do barrio da Moureira e a muralla que se sitúa á beira da ría. Son precisamente os pequenos movementos das ondas e os reflexos da basílica e as luces da cidade no lusco fusco os que acaparan en boa medida o protagonismo da obra. Ata agora, o cadro atopábase depositado no Museo de Bellas Artes de Sevilla.

Eliseo Meifrén Roig (Barcelona, 1859 – 1940) é coñecido polas súas paisaxes e mariñas e é considerado un dos primeiros introdutores do impresionismo en Cataluña. Formou o grupo de Sitges xunto con Ramón Casas e Santiago Rusiñol, tamén presentes na colección do Museo de Pontevedra. En París coñeceu a pintura ‘á plein air’, o que influíu de maneira decisiva na súa obra. Foi un habitual das mostras e certames de pintura, nos que obtivo varias medallas en exposicións rexionais, nacionais e universais.  

Doazón dun Fierros

Estas últimas semanas o Museo de Pontevedra tamén adquiriu outra obra destacada: ‘Retrato de Joaquina Porto Ximeno’, pintado por Dionisio Fierros en 1857. A obra foi doada por Isabel Martínez de Orense Arenzana  e atópase pendente de restauración, para logo formar parte da exposición permanente no Edificio Castelao.

Trátase dun óleo de 97 x 79 cm, un retrato de gran calidade que representa a unha muller da burguesía compostelana. É un excelente exemplo da suntuosidade e do artificioso refinamento que logra Fierros como retratista durante a súa primeira estancia en Santiago de Compostela (1855-1858), na que mostra a evolución da influencia do seu mestre Federico de Madrazo.

Dionisio Fierros Álvarez (La Ballota, Cudillero, 1827 – Madrid, 1894) foi un pintor asturiano formado no taller de José de Madrazo e despois do seu fillo Federico. Tras ampliar a súa formación en París, instalouse en Santiago de Compostela, onde cultivou a paisaxe e pintou temas populares galegos. A colección de Fierros no Museo de Pontevedra inclúe outros catro retratos, ademais dun bosquexo e dúas estampas costumistas.  

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.