O Museo presenta este xoves ás 19:00 h Mar e a pantasma das treboadas, un libro de Clara do Roxo para público infantil sobre a amizade dunha nena coa pantasma de Teucro

O Edificio Sarmiento acollerá ata o 7 de xaneiro unha mostra coas ilustracións orixinais de Xavier Magalhães para o libro

27/11/2023

Presentación orzamentos 2024

O Museo de Pontevedra acaba de publicar un relato para público infantil, escrito por Clara do Roxo e con ilustracións de Xavier Magalhães, titulado Mar e a pantasma das treboadas; nel unha nena introvertida que non se relaciona cos demais nenos coñece a pantasma de Teucro, que vive no Museo. A publicación presentarase o próximo xoves 30 de novembro, ás 19:00 h, no claustro do Edificio Sarmiento, onde se exhibirán as ilustracións realizadas para o libro.

Con este libro o Museo abre outra xanela para achegarse ao público máis novo. A obra conta a historia de Mar, unha nena solitaria que só sae da casa para visitar o Museo. Alí vive a pantasma de Teucro, o mítico fundador da cidade de Pontevedra, da que nada queren saber os outros espíritos que que alí habitan. Unha forte treboada fai que Teucro contacte con Mar a través do ordenador. Aí comeza un intercambio de pareceres, xogos e intereses que, treboada a treboada, se vai convertendo en amizade.

A autora do texto é Clara do Roxo. Filla de emigrantes galegos nacida en Caracas, volveu a Galicia con dez anos de idade e na actualidade reside en Vigo. É licenciada en Xeografía e Historia. Despois de obter varios premios de relato, en 2012 publicou a novela infantil A princesiña que conducía unha locomotora (publicada por Editorial Galaxia). A  partir de entón sucédense as publicacións infantís, xuvenís ou para adultos, todas elas alicerzadas na emoción e na visibilidade. Ademais, desenvolveu obradoiros de escritura creativa e impulsou diversas iniciativas culturais, coma a Asociación Cultural CatroPatacos e o colectivo de narradoras e músicos 4ghatos.

O responsable das ilustracións é Xavier Magalhães, pontevedrés de nacemento e vigués de adopción. Apaixonado da pintura, fórmase primeiro de maneira autodidacta e logo co seu mestre Laxeiro, viaxando e expoñendo en países coma Arxentina, Uruguai, Cuba, Francia ou Portugal. Magalhães pinta paisaxes, animais, corpos... movéndose entre o simbólico e o abstracto. A súa obra está presente en coleccións coma o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Moderno de Bos Aires e a Colección Bilgrim Haus Soest (Alemaña).

Exposición

Ademais de presentarse o libro, o xoves abrirase no claustro do Edificio Sarmiento unha mostra cos orixinais das doce ilustracións creadas por Xavier Magalhães para esta edición. Ademais de Mar e Teucro, protagonistas da historia, nos deseños aparecen  lugares e pezas emblemáticas do Museo, coma as ruínas de San Domingos, o tesouro de Caldas, o depósito de Samieira, os edificios Castro Monteagudo e García Flórez e a escaleira pétrea do Edificio Sarmiento.

A exposición poderá visitarse ata o 7 de xaneiro. Está previsto que durante o Nadal se realicen actividades dirixidas ao público infantil relacionadas co libro e a exposición.

Mar e a pantasma das treboadas pódese adquirir no Edificio Castelao ao prezo de 15 €.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.