A Deputación achega esta fin de semana a Pontecesures a figura do pioneiro do cinema galego José Gil
O venres 22 e o sábado 23 de setembro o concello acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia
21/09/2023
A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Pontecesures o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste ano 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 22 e o sábado 23 de setembro e inclúen proxeccións e conversas ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo.
Na xornada do venres 22 pola mañá o Centro Social acollerá varias proxeccións dirixidas ao alumnado do CPI de Pontecesures, que poderá tamén visitar o Cinemóbil, con dezaseis paneis explicativos sobre o cineasta nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, desde as 20:00 ata as 21:30 horas, proxectaranse de novo os filmes e abrirase para o público xeral.
O sábado 23 a programación arrancará ás 10 horas na Prazuela, na que estará instalado o Cinemóbil e onde Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto, a biografía sobre Gil coa que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. Posteriormente, a partir das 13 horas, haberá unha sesión vermú amenizada pola Banda de Música de Valga. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao interior da igrexa.
O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” comprende presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades, que se desenvolverán ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu e Cangas. Despois de Pontecesures, continuará en Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.