A Deputación achega esta fin de semana a Pontevedra a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil

Entre este venres 13 de outubro e o vindeiro luns 16, o concello acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

10/10/2023

CICLO JOSÉ GIL EN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Pontevedra o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse entre o venres 13 e o luns 16 de outubro e inclúen proxeccións e paneis ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o audiovisual nacía en todo o mundo. 

Na xornada do venres 13 de outubro o Teatro Principal de Pontevedra acollerá, entre as 18:00 e as 20:00 horas, a visita guiada ao Cinemóbil núm. 3 para a cidadanía interesada, que poderá achegarse a ver os 16 paneis explicativos sobre a figura do cineasta nos que se aborda a súa biografía e traxectoria.  Entre as 20:00 e as 21:30 horas do venres, e tamén no Teatro Principal, terá lugar unha serie de proxeccións de balde para o público en xeral. Pola súa banda, o sábado, 14 de outubro a programación arrancará ás 10:00 horas no exterior do Teatro Principal con visitas guiadas ao Cinemóbil núm. 3 e entre as 13:00 e as 14:00 horas terá lugar a sesión vermú amenizada pola Banda de Música de Salcedo (en caso de choiva as actividades trasladaranse ao interior do teatro). Finalmente, o luns 16 de outubro no Teatro Principal, entre as 10:00 e as 13:30 horas, terán lugar proxeccións para centros de ensino da cidade que tamén poderán realizar unha visita ao Cinemóbil núm. 3.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures e Sanxenxo. Despois de Pontevedra continuará en Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.

José Gil e Pontevedra

A cidade de Pontevedra é un espazo referencial na traxectoria de José Gil, pois nela impresionou algúns dos seus primeiros filmes, en 1910 e 1911: Visita de periodistas ingleses a Vigo y Pontevedra, Pontevedra patria de Colón, Viaxe en tren de Vigo a Pontevedra, Festa nas capitais de Galicia, Salida de misa de doce de Santa María ou Un día de feira en Pontevedra. Nelas recóllense imaxes da Ferrería, do campo da feira, da estrada de Ourense ou da rúa Oliva, entre outras.

Tamén filmou corridas de touros na praza de Pontevedra e, na cidade, realizou a primeira peza de ficción do cinema galego, Miss Ledyia (1916), na que Castelao é un dos seus actores e cuxo orixinal foi depositado polo Museo de Pontevedra na Filmoteca Española. Ademais, en Pontevedra creou con Fausto Otero a segunda produtora galega, Galicia Film (1919), e no seu Teatro Principal proxectábanse habitualmente filmes de Gil.

 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.