A Deputación achega esta fin de semana a Marín a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil

O venres 20 de outubro o concello acollerá unha mostra, visitas guiadas e proxeccións de obras do cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

18/10/2023

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Marín o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse este venres 20 e inclúen proxeccións, visitadas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo. 

Na xornada do venres 20 a Biblioteca Pública Municipal de Marín acollerá pola mañá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos, que poderá tamén visitar o Cinemóbil N.º 3, cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se abordan a súa biografía e a súa traxectoria na fotografía. Pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, no mesmo espazo, haberá visitas guiadas ao Cinemóbil para a veciñanza, mentres que de 20:00 a 21:30 horas se pasarán de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo e Pontevedra. Despois de Marín, continuará en Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño e Vilagarcía de Arousa.

José Gil e Marín

Pola súa situación xeográfica, o cineasta José Gil debeu percorrer moitas veces a ría a carón de Marín como director artístico da revista Vida Gallega. A primeira nova relacionada con el que se coñece é a filmación dunha cinta, Maniobras navales en las Rías de Galicia, en 1911, na que impresiona unha das concentracións de barcos de guerra máis grandes da historia de Galicia nas rías de Vigo e de Pontevedra. En 1919 regresa a Marín para gravar novas secuencias da ría, que formarían parte da revista Galicia Film e tamén de “Pontevedra e as súas paisaxes”, en 1924.

A súa filmación máis importante data de 1926, cando o Concello de Marín lle encarga un documental completo con “varios asuntos locais do natural”, entre eles, unha viaxe de señoritas pola ría ata Loira, o ensino nos colexios da Concepción e San Narciso, tarefas de pesca, a base naval, o polígono Janer ou un desfile de exploradores polo centro da vila. Titulado Marín, sus paisajes y sus progresos, estreouse no Cinema Quiroga o 14 de agosto dese mesmo ano. O camión do Cinemóbil N.º 2 visitou Marín o 29 de outubro de 1929 e tivo unha grande acollida popular.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.