O Plan Concellos achegou 43.000 € para mellorar a vía que une Valadares coa Lagoa en Forcarei

O deputado Santos Héctor e a alcaldesa Verónica Pichel visitaron as obras nun treito de 1,4 km coas que se reparou o pavimento e vertidos de auga e se facilitan as manobras dos camións

16/12/2022

O deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor, visitou esta mañá coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, as obras de mellora da estrada entre Valadares e A Lagoa, na parroquia de Meavía, financiadas con cargo ao Plan Concellos 2022-2023. Os traballos, xa finalizados, obtiveron unha axuda da institución provincial superior aos 43.000 euros, cun orzamento total de licitación de máis de 110.000 €.

Grazas ao Plan Concellos, o Concello de Forcarei puido facer fronte ás actuacións que se desenvolveron ao longo de máis de 1,4 quilómetros desta estrada, cuxo pavimento se atopaba nun mal estado e provocaba que existisen zonas con desniveis importantes na súa superficie. Esta situación provocaba distintos riscos, como a posible produción de saídas de vías dos vehículos, e tamén o perigo de que os materiais puidesen impactan tanto contra persoas como contra vehículos. Tamén foi necesario mellorar a canalización das augas, que aumentaban o desgaste da vía e provocaban a aparición de fochancas e, polo tanto, problemas de estabilidade na calzada.

As actuacións de reparación da superficie da vía Valadares-A Lagoa combinaron, por unha banda, unha limpeza enérxica da superficie e a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente, de 5 centímetros de espesor, con reparación das fochancas en zonas puntuais. Estas actuacións desenvolvéronse nunha superficie de 3400 m2. Pola outra banda, na superficie restante e que se atopaba en peor estado –arredor de 3500 m2–, os traballos consistiron nun escarificado superficial, na extensión dunha capa de macádam con pedra de 15 centímetros de espesor, nivelada e compactada, e sobre ela un tratamento semiprofundo bituminoso así como unha capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor. Tamén se limparon os foxos ao longo dos 1.440 metros de lonxitude da actuación con motoniveladora.

Ademais, na zona sur da actuación existía un cano de auga que vertía cara a un foxo de terra, provocando danos no propio foxo e tamén na calzada. Resolveuse a saída coa construción dun foxo de formigón co que se canalizou a auga para levar a súa evacuación cara á outra marxe da pista. A conexión realizouse a través dunha arqueta con reixa.

Tamén na zona sur, concretamente no acceso ás instalacións situadas na marxe dereita, se colocou unha tubaxe en gabia e recuberta de formigón, unha intervención cuxa finalidade é permitir que os camións poidan realizar mellor as súas manobras.

Galerias de imagenes