A Deputación acomete a maior reurbanización da historia en Soutelo para transformar o seu centro urbano nun espazo accesible centrado nas persoas

A presidenta Carmela Silva visitou a mellora da mobilidade peonil na contorna do Parque Venezuela e o centro de saúde de Soutelo de Montes que supón a “obra de maior envergadura en canto á transformación do espazo público en Forcarei”

15/02/2023

Mellora peonil en Forcarei

A transformación total do centro urbano de Soutelo de Montes para converterse nun espazo accesible e máis centrado nas persoas será unha realidade en abril grazas aos recursos da Deputación de Pontevedra. A presidenta, Carmela Silva, visitou acompañada da alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, as obras financiadas con preto de 440.000 € do Plan Concellos –que inclúen a redacción do proxecto e o total da execución da obra– que están a permitir mellorar a mobilidade peonil ata en catro rúas situadas na contorna do Parque Venezuela e o centro de saúde de Soutelo. Trátase “da obra de maior envergadura en canto á transformación do espazo público en Forcarei, que beneficiará a máis de 1.000 persoas, entre veciñanza e persoas que transitan por esa zona para acudir aos servizos públicos que nela se prestan”, sinalou a presidenta.

A intervención segue o modelo de mobilidade amable e a accesibilidade universal que está a espallar a Deputación por toda a provincia. As obras afectan á rúa do Parque Venezuela, a Travesía do Parque Venezuela, a Rúa C e a Rúa do Ambulatorio, espazos moi transitados debido á que nestas rúas se sitúa o Centro de Saúde e equipamentos relacionados coa infancia. En xeral reordenarase o tráfico, dotarase dunha plataforma única e realizaranse melloras na centenaria carballeira do parque, que ampliará a súa superficie de zona verde. Neste último caso déronse cumprimento a todos os condicionantes marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio, xa que o obxectivo do goberno local é trasladar o parque infantil a esta contorna atendendo as demandas da veciñanza.

Mediante esta intervención conseguirase aumentar a seguridade e mobilidade peonil desta zona residencial e de equipamentos de Soutelo de Montes, así como unha total accesibilidade na zona. A plataforma única aumentará a superficie dispoñible para os tránsitos peonís, co que se suprimen as barreiras arquitectónicas, e instalaranse redutores de velocidade a petición veciñal. Ademais, a actuación solucionará o estado deteriorado que presentaba o pavimento tanto das beirarrúas como da calzada, e que supoñía riscos e incomodidade para a veciñanza.

As obras contemplan nova pavimentación con formigón nas beirarrúas, novo firme bituminoso e a dotación de nova sinalización horizontal e elementos vexetais, así como o acondicionamento das zonas verdes e do Parque Venezuela. Reorganizarase o tráfico e tamén as zonas reservadas para o estacionamento, con prazas para persoas con mobilidade reducida e un aumento das áreas de aparcamento na contorna do centro de saúde. Tamén se ampliarán as redes de recollida de pluviais e de iluminación pública. Amais, no caso do alumeado, substituiranse as lámpadas existentes por luces LED que mellorarán a eficiencia enerxética de toda a contorna.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.