A Casa da Xuventude de Forcarei máis cerca de converterse nun espazo interxeracional de usos múltiples “do século XXI”

Carmela Silva: “Trátase dunha actuación fundamental para as veciñas e veciños, moi centrada en aportar benestar e calidade de vida e en fixar poboación”

11/02/2023

A Casa da Xuventude de Forcarei. Plan ReacPon

A “total transformación” da Casa da Xuventude de Forcarei para convertela nun espazo interxeracional de usos múltiples, propio “do século XXI”, avanza a bo ritmo. A presidenta da Deputación Carmela Silva, vén de percorrer este sábado xunto á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, a completa remodelación que se está a acometer nesta edificación, unha actuación que está a ser executada con recursos do Plan provincial ReacPon que ascenden a preto de 500.000 euros. Trátase dun dos proxectos estrela financiados pola Deputación en Forcarei, enmarcada na máxima de “dereitos e servizos vivas onde vivas”, e un paso máis na aposta do goberno local por dotar  á vila de equipamentos inclusivos e adaptados ás novas necesidades da veciñanza.

A presidenta provincial, Carmela Silva, cualificou a actuación como unha obra “fundamental” e “necesaria” para as veciñas e veciños de Forcarei, “cun equipamento do século XXI, moi centrado en aportar benestar e calidade de vida á cidadanía e en fixar poboación no rural, tan importante no momento no que vivimos”. “Estamos a falar de que este espazo será un lugar de encontro interxeracional, un espazo de convivencia destinado a toda a veciñanza, dende a rapazada, que terá aquí unha zona de ocio, ata a mocidade, as asociacións e mesmo as persoas maiores”, destacou.

Pola súa banda a alcaldesa, Verónica Pichel, manifestou que a renovación da Casa da Xuventude é “un dos proxectos máis ambiciosos deste mandato xa que o edificio acollerá o primeiro centro de día para as nosas e os nosos maiores, fundamental pois temos unha das poboacións máis envellecidas de Galicia e temos a obriga darlles todos os servizos posibles”. Ademais, xunto á ludoteca e os espazos para a xuventude e diferentes colectivos, a remodelada Casa da Xuventude acollerá a biblioteca municipal da vila, “recuperando este servizo que o anterior goberno local tiña pechado hai xa dúas décadas”.

As obras avanzan a moi bo ritmo cunha porcentaxe de execución do 60%. Está xa instalado o ascensor, as novas carpinterías metálicas e pavimentos, así como a nova distribución para os novos usos. A remodelación deste espazo abrangue a mellora da cuberta, coa incorporación de illamento térmico e impermeabilizante para mellorar a eficiencia enerxética, e a mellora da accesibilidade, o pechamento exterior, os acabados a través de novos pavimentos, e a iluminación, con regulación automática e substitución de luminarias por leds

Galerias de imaxes

videos