Forcarei aposta polo rural investindo case 260.000 euros do Plan Concellos da Deputación na parroquia de Presqueiras

Carmela Silva: “No rural están as nosas raíces, é o que nos identifica, e actuacións como as de Forcarei permiten recuperar lugares para seguir a dar calidade á veciñanza e fan que poida haber prazas nas que volver a recuperar a vida”

13/10/2022

Presqueiras - Forcarei

Redobrar a aposta por fixar poboación no rural e mellorar a vida da veciñanza é o obxectivo dun ambicioso paquete de actuacións, valoradas en 256.798 euros, que o Concello de Forcarei vai desenvolver en varios núcleos da parroquia de San Miguel de Presqueiras cos fondos que achega a Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa, Verónica Pichel, visitou hoxe, xunto á veciñanza as actuacións xa realizadas no núcleo de Outeiro e coñeceu as que se van realizar nos próximos meses nos de Guisande e Morgade.

O conxunto de actuacións supón avanzar na calidade dos servizos e equipamentos nunha superficie de case 4.000 metros cadrados para mellorar os pavimentos destes núcleos, a accesibilidade nas estradas e tamén a adecuación de elementos patrimoniais como fontes, e cruceiros.

A presidenta provincial, Carmela Silva, cualificou a actuación realizada en Outeiro, “un lugar que me parece de novela”, como exemplar na política de investir no rural, “porque é onde están as nosas raíces, son aquelo que nos identifica e certamente as zonas rurais son moi fermosas, con moito futuro se somos capaces de recuperalas e de facer que se cree actividade económica en lugares coma este, porque temos a obriga que a xente viva onde viva, viva ben”. Destacou así mesmo a colaboración co Concello e especialmente coa alcaldesa Verónica Pichel “para chegar a acordos, dialogar e construír xuntas”, e incidiu en que o Plan Concellos está a permitir que nos concellos da provincia, e en concreto en Forcarei, “se poidan facer estas recuperacións e transformacións do espazo público que dan calidade de vida e que fan que a beleza das vivendas próximas resalte máis, que poida haber prazas nas que volvera recuperar a vida”. Tralo agradecemento veciñal pola obra, na que a veciñanza de Outeiro comentou que lle permitirá recuperar nesta zonas festas populares, como a de Reis, á que convidaron a presidenta, Carmela Silva amosou a satisfacción pola recuperación deste espazo para que no futuro “se poidan recuperar esas actividades grandes onde a xente se reúne para vivir, relacionarse e facer festas”.

Carmela Silva subliñou tamén o apoio da veciñanza para “mellorar esta obra, feita con moitísima calidade e agarimo, e escoitando ás persoas” e anunciou que están licitadas as actuacións dos outros dous núcleos, Guisante e Morgade para humanizalos. “Quero felicitar á alcaldesa –engadiu- pola súa sensibilidade á hora de entender que Forcarei non é só o núcleo urbano, onde se están a facer obras, senón que é cada un dos seus núcleos e hai que investir en todos os lugares”. En concreto, referíndose a Outeiro, destacou que se “podería facer roteiros para a xente que vai buscando lugares con encanto. Este é un lugar único. Temos que pensar no futuro –afirmou-. E o futuro non está soamente nas grandes cidades nin nos núcleos rurais dos concellos senón en cada un dos lugares, neste particularmente pódense facer moitas cousas para seguir a darlle vida. Aquí se me ocorren moitas cousas que facer para seguir dándolle  vida”.

“Hoxe é un día de festa –manifestou pola súa banda a alcaldesa Verónica Pichel- para celebrar, porque por fin están feitas estas obras, solicitadas hai moitos anos pola veciñanza”. Destacou o uso de elementos como o formigón impreso e pedra “para intentar que o núcleo de Outeiro estea aínda máis bonito, se cabe, e para facilitar a mobilidade, tanto para persoas maiores como para persoas con mobilidade reducida”. En concreto, nesta obra investíronse aproximadamente 110.000 euros cunha achega do Plan Concellos, e Pichel quixo agradecer así mesmo a colaboración veciñal para poñer en marcha esta actuación, “coa que poder mellorar a calidade de vida das persoas do rural”.

O proxecto

As obras do núcleo de Outeiro serviron para dotalo dun novo pavimento de formigón impreso, combinado con pedra rústica nos encontros coas casas e tamén para resaltar a contorna do cruceiro e a fonte. Deste xeito, coa intervención xeráronse dúas prazas para encontro veciñal a piques de rematar. Tódalas arquetas quedaron recolocadas e instaláronse grellas para a recollida de pluviais e evitar a entrada en algún portal nas zonas en pendente.

Amais, anunciouse que xa están en licitación as obras de mellora en Guisande e Morgade, cun custo de 137.819 euros. En Guisande tamén vaise dotar ao núcleo dun novo  pavimento de formigón impreso con tiras de pedra natural para embelecer os encontros coas vivendas. As obras resolverán tamén os problemas de cota dalgunhas entradas. A maiores instalarase unha cuneta transitable na pista municipal que vai polo lado norte e embelecerase e mellorarase a accesibilidade ao lavadoiro cunha rampla de acceso con lousas de formigón. A contorna contará cunha celosía de formigón no solo e crearase unha zona de estancia, previa construción dun murete de pedra.

Finalmente, no núcleo de Morgade o Concello aposta pola construción de cunetas transitables para mellorar a accesibilidade polas beiras da estrada, así como a mellora da drenaxe. Tamén alí haberá actuación de mellora patrimonial coa pavimentación con granito silvestre da contorna da fonte, ademais dun acondicionamento dos canos que levan a auga a fontes e lavadoiros doutras zonas do rural forcaricense.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.