Transformación dos núcleos de Guisande e Morgade cos recursos do Plan Concellos en Forcarei

A Deputación de Pontevedra destinou 123.000 euros a este proxecto de mellora da mobilidade,  accesibilidade e posta en valor do patrimonio na parroquia de San Miguel de Presqueiras

28/03/2023

Visita Forcarei

Os recursos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra fixeron posible en Forcarei a urbanización do núcleo de Guisande e a mellora das marxes dos camiños que vertebran as aldeas de Guisande e de Morgade, na parroquia de San Miguel de Presqueiras, cunha inxección de máis de 123.000 euros. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, visitaron os traballos rematados que permitiron, por unha banda, renovar o pavimento do núcleo de Guisande e, pola outra, eliminar os excesos de vexetación e corrixir o mal estado de conservación nos foxos laterais das vías municipais que transcorren por estes dous núcleos.

As obras de urbanización de Guisande continúan a estética aplicada anteriormente polo Concello noutras zonas, como en Acevedo e na aldea de Outeiro, co obxectivo de mellorar a calidade de vida, a mobilidade e a seguridade e levar esta mesma actuación ao resto das aldeas do municipio. A zona de Guisande, con maior concentración de vivendas, presentaba un pavimento deteriorado, con importantes desniveis que podían provocar caídas e dificultaban a accesibilidade, e ocos na calzada que recollían augas superficiais a través de regos creados no propio firme. Coa actuación financiada con cargo ao Plan Concellos renovouse o pavimento, de formigón impreso con carácter xeral pero con pedra de cachotería en zonas concretas, como os encontros coas vivendas. Tamén se recalzaron as tapas de rexistro e os sumidoiros e se repuxeron as canalizacións.

En canto ás actuacións de mellora de marxes en camiños municipais, actuouse en Guisande e en Morgade principalmente para a construción de cunetas transitables cos que a veciñanza –especialmente as persoas maiores– gaña espazos nos que pode transitar con seguridade ao tempo que se canalizan as augas pluviais. Grazas a estas actuacións púxoselle fin a unha situación que se levaba vivindo desde facía máis dunha década, por mor da falta de mantemento.

No caso de Guisande, actuouse ao norte do núcleo, desde a EP-7104 ata o cruce con outra vía municipal. Limpáronse os foxos, construíronse cunetas e realizouse unha actuación de posta en valor do patrimonio, concretamente dun lavadoiro. Embeleceuse a zona do lavadoiro e do regato creando unha zona de lecer accesible, para o que se construíron unha rampla e muros chapados en pedra ademais de rehabilitar o elemento etnográfico. En Morgade, as actuacións permitiron acabar coas fochancas, e nalgunhas zonas reforzáronse os bordes con pedra e rega asfáltica. Tamén se embeleceu a fonte e se colocaron canos de formigón, construíronse arquetas de decantación e limpouse o canal que conduce a auga da escorredura ata a zona do lavadoiro da aldea.