O programa da Deputación “Depo_andainas” chega este domingo ao seu fin en Cambados cun percorrido pola Ruta do Viño

A camiñada, coas 200 prazas esgotadas, supón o broche de ouro a un programa que comezou en xuño na Estrada e percorreu tamén os concellos de Silleda e O Grove

07/10/2023

As “Depo_andainas” chegan este domingo ao seu fin en Cambados cun percorrido pola Ruta do Viño que ten as 200 prazas esgotadas. A camiñada organizada pola Deputación supón o broche de ouro a un programa gratuíto que comezou en xuño na Estrada e percorreu tamén os concellos de Silleda e O Grove.

Esta última ruta, denominada Ruta do Viño Rías Baixas, transcorrerá na súa totalidade polo concello de Cambados, cun percorrido circular de aproximadamente doce quilómetros, que comeza nas inmediacións do Hotel San Marcos e discorre por diferentes zonas de viñedos e bodegas (entre elas Condes de Albarei). Unha parte da andaina coincide coa Ruta do Padre Sarmiento, tramo costeiro onde as persoas participantes poderán gozar das vistas da Illa da Toxa, así como de zonas de arboredo e bosques autóctonos. Ao finalizar a actividade, as e os asistentes realizarán unha pequena cata de viño da zona.

A “Depo_andaina” por Cambados sucede as anteriores programadas pola Deputación ao longo deste verán nos concellos da Estrada, Silleda e O Grove que, en total, suman máis de oitocentos participantes. Esta iniciativa deportiva da institución provincial aposta por fomentar a actividade física como forma de vida saudable e, ademais, permite coñecer e descubrir a variedade patrimonial da provincia de Pontevedra.

As “Depo_andainas” enmárcanse en “Depo_actívate”, o calendario de accións que organizou a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte e transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este, inclúense tamén “Depo_auga”, “Depo_rutas BTT” e “Depo_orienta”.