O gran parque-cemiterio “Fraga do Alén”, impulsado co Plan Reacpon da Deputación, converterase nun novo espazo público de referencia de Lalín

Carmela Silva: ”Esta é unha obra diferente, innovadora, moito máis que unha grande obra de arquitectura, nela hai un relato e unha aposta moi clara polo medio ambiente e a sostibilidade”

12/12/2022

O novo gran parque memorial “Fraga do Alén”, impulsado a través do Plan ReacPon da Deputación, vai tomando forma para converterse no espazo público natural de Lalín a partir da ampliación do cemiterio da Romea. A singular e emblemática actuación, que hoxe visitaron a presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Xosé Crespo, acompañados de integrantes da Corporación municipal, conta cun orzamento de 1,8 millóns, dos que a Deputación achega 1,3 millóns de euros. “Este proxecto é máis que unha gran obra de arquitectura; ten un relato e é unha obra innovadora e diferente. “O que é único convértese en referencia –subliñou Carmela Silva- e esta vai ser de toda a veciñanza de Lalín”. Pola súa banda, Xosé Crespo quixo destacar a colaboración “a raxatabla” da Deputación co Concello de Lalín, “xa que todas as actuacións pactadas ao inicio do mandato estanse cumprir. Agradezo o excelente institucional, porque non pode ser mellor”.

O proxecto supón a ampliación do actual cemiterio cara ao bosque circundante cun novo deseño, que permitirá entre outras actuacións a instalación de dúas entradas, a existente que dá acceso á capela para a celebración de actos funerarios, e unha nova entrada, máis “romántica”, para explorar o cemiterio a través dunha rede de camiños “sinuosos”, entre árbores. Amais, intervirase a fachada da capela con láminas de aceiro corten e configurarase tamén un lago-escenario elevado sobre o terreo natural para render homenaxe ás mulleres artistas e que levará o nome de Xela Arias.

Carmela Silva quixo destacar que este proxecto “é moito máis que unha grande obra de arquitectura, e estou segura de que vai levar premios”. “É moito máis que unha resposta ás demandas da veciñanza e moito máis que un proxecto que ten en conta o respecto ao medio ambiente e á nosa natureza; nel hai un relato, como debe de haber en todas as obras públicas”. Neste senso, a presidenta incidiu en que a Fraga do Alén “ten o relato de estar ao lado dun bosque, da calma e fala de ter un espazo onde nos poidamos reencontrar coas persoas  que queremos e un día se foron”. Destacou, ademais, o feito de que a nova contorna invita a reflexionar sobre a violencia de xénero, co espazo que se lles dedicará ás vítimas, así como a homenaxe a Xela  Arias no lago escenario. “Non hai futuro no noso planeta se en cada un dos proxectos que elaboramos non temos en conta eses valores”, concluìu.

A presidenta provincial puxo tamén de relevo o traballo conxunto e a colaboración co Concello de Lalín neste e no resto dos proxectos que implican a ambas Administracións. “É imprescindible que as administracións públicas saibamos traballar conxuntamente para mellorar a vida da xente –dixo Carmela Silva-. Non se gaña nada coa confrontación e o ruído e intentando sacar réditos con loitas políticas fratricidas. Gáñase moito cando hai proxectos comúns que  permiten avanzar e que a xente saiba que somos útiles. Estou contenta pola boa relación, de que poidamos falar do que precisa Lalín e que temos que aportar cada un para que poida avanzar como o resto dos concellos da provincia de Pontevedra”. Felicitou tamén á corporación lalinense por ter consensuado este proxecto.

Pola súa banda, Xosé Crespo agradeceu a colaboración da Deputación neste e en todos os proxectos desenvolvidos no concello, “porque todas as cousas que pactamos ao inicio do mandato estanse cumprindo a raxatabla”, entre elas a recente adxudicación da mellora da estrada de Prado a Vilar do Río. “Cando o entendemento institucional é bo, gaña o pobo”. indicou. Sinalou que a ampliación do cemiterio da Romea era unha das “necesidades máis acuciantes” para o Concello, ao estar colapsado “e o ReacPon foi a nosa oportunidade”. Crespo anunciou a intención de presentar esta actuación ao Premio Nacional de Arquitectura, “porque ten elementos singulares e suficientes para presumir dun bo proxecto, como a aposta polo medio ambiente e a eficiencia enerxética.” “Quixemos –engadiu- facer un parque onde se enterre xente” e neste senso, anunciou que haberá tres tipos de soterramentos, en nichos, columbarios e biournas.

A actuación

Os detalles do proxecto, que obtivo a maior subvención provincial do plan ReacPon, foron apuntados polos técnicos Abel Mato, arquitecto técnico redactor, do estudo Promove, e Martín Toimil, paisaxista redactor, quen destacaron que a actuación busca “integrar o cemiterio na paisaxe e traer un pouco desa paisaxe ao cemiterio actual: este é un parque para a relación social, o encontro coa natureza e un espazo de lecer” e destacaron que está deseñado desde os eixos da sostibilidade e a eficiencia enerxética. O proxecto vai impulsar a mobilidade amable entre os principais espazos públicos do concello, conectando as vías peonís que xa existen coa contorna rural do cemiterio, e así unir o rural co núcleo urbano a través dunha mobilidade alternativa. A sostibilidade tamén formará parte dos pavimentos elixidos, que respectarán o ciclo da auga evitando a degradación do terreo. Ademais plantarase vexetación autóctona, en concreto 150 árbores. Na zona sur contigua ao aparcadoiro xerarase un parque exterior aberto, con bancos e aparcabicis e unha zona de xogos infantís.

Tamén Diego Vilariño, da construtora Grupo Vilariño, quixo destacar que esta “é unha singular e emblemática que realizamos na casa, e queremos deixar a nosa pegada nunha execución marcada pola excelencia nun proxecto que non tardará en aportar moitos recoñecementos”.

Galerias de imagenes

videos

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 23 resultados.