Avanzan as obras da Casa das Artes de Catoira, unha icona cultural financiada coas achegas do ReacPon

A presidenta provincial, Carmela Silva, visitou co alcalde Alberto García a execución dos traballos de reforma da antiga Casa Consistorial, aos que a Deputación dedica 450.000 euros

19/12/2022

Catoira

As escolas municipais de Catoira terán, por fin, un equipamento á altura, moderno, sostible e totalmente equipado para realizar as actividades culturais de maneira centralizada e coas máximas garantías. Trátase da futura Casa das Artes, cuxas obras avanzan e xa se atopan executadas aproximadamente ao 50%, enmarcadas no plan provincial ReacPon. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Catoira, Alberto García, visitaron o avance dos traballos aos que a institución provincial lles dedica a totalidade do seu orzamento, estimado en preto de 450.000 euros: por unha banda 382.000 € procedentes do ReacPon, e pola outra os 67.000 euros restantes, a parte que lle corresponde financiar ao concello, que decidiu empregar recursos do Plan Concellos.

Carmela Silva lembrou que o seu primeiro encontro co alcalde de Catoira como presidenta fai 7 anos “foi exactamente aquí, e xa naquela reunión me comentou que este edificio ía deixar de ser a Casa Consistorial para convertela nun espazo para a veciñanza, vinculado ás moitas escolas municipais que realizan actividades culturais”. 7 anos e medio despois “isto xa é unha realidade, en pleno proceso de obras, e nuns 5 meses estará dispoñible para que xente de todas as idades teña un edificio de altas prestacións”, asegurou a presidenta, que cualificou este equipamento como “un espazo moderno, amable, sostible, que dotará de moito benestar a veciñanza e contribuirá a loitar contra o despoboamento nos concellos máis pequenos” xa que, afirmou, “non seremos capaces de frealo sen equipamentos e dotacións que garantan que toda a veciñanza poida desenvolver actividades”.

Carmela Silva puxo en valor que Catoira, “que sempre se presenta aos plans extraordinarios da Deputación”, empregase o ReacPon para financiar a Casa das Artes. “Síntome moi satisfeita porque contará cun equipamento moi importante” e felicitou o equipo de goberno do concello “por ter proxectos listos para podelos presentar cando hai oportunidades de financiamento, o cal só é posible tendo proxectos maduros e desenvolvidos”. Iso, asegurou, “fala da súa boa xestión, ao igual que o feito de que no prego de condicións incluíse o mobiliario na parte de melloras”, algo que permitirá que “cando as obras finalicen xa estea amoblado, é dicir, listo para usalo”. A presidenta salientou o carácter accesible e sostible do edificio, “pensado desde un novo mundo onde hai que reducir consumos e custos, dando resposta a un novo modelo enerxético sostible e tendo en conta o compromiso social onde todas as persoas teñan espazos aos que poder acceder en igualdade de condicións”.

O alcalde de Catoira, Alberto García, sinalou que a antiga Casa Consistorial “conta con 3 departamentos distintos, xa que se foi ampliando por necesidades que foron xurdindo para poder prestar servizos á cidadanía” e que “as asociacións de Catoira reivindicaban que este edificio se recuperara e non se perdera”. O rexedor lembrou que “ademais de que agora teremos aquí todas as escolas municipais, que non son poucas e que agora están espalladas por diversas instalacións do concello”, tamén se instalará neste edificio “a radio municipal, da que xa temos a licenza concedida, e que se porá a funcionar cando o edificio estea rematado”.

A actuación

A Casa das Artes de Catoira supón crear un icónico centro cultural aproveitando a edificación da antiga Casa Consistorial, edificio que se estaba deteriorando por mor da súa falta de uso tralo traslado do Concello ao novo inmoble –e que recibiu achegas do Plan Concellos–. Nela instalaranse as escolas municipais de gaita, pandeireta, danza, música, teatro ou artes plásticas, que na actualidade están espalladas por diversos locais, así como a futura radio municipal. Será un lugar totalmente accesible, sen barreiras arquitectónicas e dotada tanto de ramplas como dun ascensor.

A Casa das Artes conta con diversas zonas no seu interior, como un espazo aberto que se destinará a unha zona de estudo e uso de novas tecnoloxías, ou tamén un gran salón polivalente onde as escolas municipais poderán levar a cabo as súas actividades. Para iso, o inmoble conta cun tabique móbil que permite gañar en flexibilidade de usos, xa que grazas a el se delimitarán os espazos interiores en función das necesidades de cada colectivo en cada momento.

Ademais, as obras financiadas polo ReacPon teñen moi en conta a sostibilidade. De feito, a Casa das Artes de Catoira converterase nun lugar “descarbonizado”, xa que contará cunha envolvente térmica óptima, máquinas de climatización e de produción de auga quente sanitaria, así como paneis fotovoltaicos que reducirán a dependencia enerxética das instalacións. O proxecto tamén inclúe a mellora dos illamentos térmicos para optimizar o consumo de enerxía e unha aposta por sistemas renovables, paneis acústicos e sistemas e materiais que garanten as condicións de hixiene, de saúde e de protección do medio ambiente.

Galerias de imaxes

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.