Espazo público, cultura e igualdade na estrea da praza Rosalía de Castro de Gondomar financiada co ReacPon

A presidenta Carmela Silva, o alcalde Paco Ferreira, colectivos culturais e veciñanza asistiron á inauguración da nova praza e xardíns, que rematou co tradicional acendido de Nadal

17/12/2022

GONDOMAR INAUGURACIÓN PRAZA ROSALÍA

A nova praza Rosalía de Castro xa é unha realidade aberta á cidadanía, moito máis que nunca, transformando unha contorna localizada en pleno centro urbano que pasa de estar dedicada ao estacionamento a converterse nun novo espazo público pensado por e para as persoas. Nun acto que se converteu nunha fermosísima homenaxe a Rosalía con música de Xurxo “Terrible” e o recitado de poemas da autora a cargo de “Espazo Lectura”, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, inauguraron hoxe as obras que tiveron un importante financiamento do plan extraordinario ReacPon: unha achega de 666.835,49 € para financiar o 80% da actuación, cun orzamento total de máis de 833.000 euros. O 20% restante, máis de 166.000 €, tamén foi financiado con fondos provinciais do Plan Concellos. A inauguración contou coa presenza de colectivos culturais da vila e veciñanza que asistiron tamén ao acendido de Nadal  da praza e a plantación dunha árbore de camelia, doada pola Deputación a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, “filla” da orixinal situada na Casa da Matanza de Padrón.

A presidenta provincial Carmela Silva mostrou a súa emoción “porque non hai nada máis fermoso que recuperar o espazo público para as persoas, aquelo que lles pertence porque o espazo publico é noso e durante demasiado tempo estivo ocupados polos vehículos”. A presidenta da Deputación insistiu en que “necesitamos espazos de encontro, para socializar, para que esas nenas e nenos xoguen que son a mellor proba de que este é o camiño correcto”. Carmela Silva sinalou que “a democracia tamén é que haxa lugares para que nos atopemos coa cultura, coa música. Unha sociedade, dixo, non será feliz se a cultura non é o paraugas que a acolla”.

A presidenta felicitou tamén ao Concello polo nome escollido. “Somos un dos poucos pobos do mundo que ten como referente a unha muller, Rosalía de Castro: culta, polifacética, feminista, comprometida socialmente e inmensamente orgullosa de ser galega porque somos un grande pobo e esta praza tamén nos recorda iso”. Carmela Silva lembrou que este proxecto é “un exemplo a seguir” ao igual que “toda a actuación que está a impulsar o Concello, como foi a Praza da Paradela, e merece os parabéns polo seu afán transformador, cun traballo que permitiu que en só sete anos non haxa quen recoñeza este pobo: o antes e o despois é espectacular e na Deputación sentímonos moi felices de ter permitido que ese cambio sexa unha realidade”.

Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, que agradeceu ao seu equipo o traballo feito e lembrou os momentos mais complicados para culminar este proxecto, cualificou a nova Praza como “unha aula aberta ao ceo referencial para todo o país”. Ferreira tamén deu as grazas a Fundación Rosalía, a Espazo Cultura, ao IEM e a todos os colectivos que participaron en definir os usos do espazo. “Se vós e as vosas ideas para escoller as mellores árbores, luces, palabras e versos, isto non sería posible”. O alcalde referiuse ás nenas e nenos que xogaban na nova praza. “Volve a vida porque volve a xente a sentarse e falar, é o concepto de ágora, gañar o espazo e devolvérsello á xente”. Ferreira, que agradeceu a Carmela Silva o traballo que está a facer en toda a provincia recuperando vilas e pobos, tamén se comprometeu a seguir nese camiño. “Queremos transformar Gondomar por completo, dunha esquina a outra e non pararemos ata conseguilo”.

Finalmente, o presidenta da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, expresou o seu pracer por participar nun acto “que é unha honra e unha festa. Parabéns ao Concello, dixo, por recuperar un espazo público para a xente e darlle unha praza chea de palabras, as de Rosalía. É unha lección para toda Galicia, facer unha praza ao redor dos seus versos”. Angueira fixo a súa intervención centrada na obra de Rosalía e da relación de autora con Gondomar. “Rosalía tamén é de Gondomar porque é un emblema que nos une e representa no mundo a todas as galegas e galegos. Cando Rosalía fala de ríos, fontes e regatos pequenos, tamén fala do Miñor, e cando fala da súas personaxes tamén está a falar da xente de Vincios, de Borreiros, de Vilaza, de Gondomar. Ela falou de Galicia enteira”.

Unha actuación de mobilidade peonil e sostible grazas ao ReacPon

O ReacPon da Deputación de Pontevedra conseguiu transformar unha superficie de máis de 2500 m2 na que as persoas gañan un importante espazo. Creouse unha contorna peonil que busca favorecer o comercio de proximidade e novas perspectivas de negocio vinculadas ás persoas que camiñan. Ademais, a nova praza Rosalía de Castro configura un espazo de interacción interxeracional que permite incrementar o sentido de comunidade, aumentar a participación e o voluntariado e mellorar a saúde social da veciñanza.

Impúlsase ademais a mobilidade sostible e a accesibilidade, con plataforma única e zonas verdes. Por mor da imposibilidade de restrinxir o tráfico rodado totalmente, os tramos norte e sur da praza Rosalía de Castro teñen unha plataforma mixta para residentes e persoas traballadoras, cunha velocidade máxima de 10 km/h e sistemas de control de tráfico. Conserváronse o magnolio e a oliveira xa existentes e o mantemento as zonas verdes emprega sistemas que reducen o consumo de auga, o que se une, en materia de aforro de recursos, á nova iluminación sostible desta contorna. A nova praza tamén conta con zonas de descanso, aparcadoiro para bicicletas, chorros de auga con luz, mesas e asentos, así como unha zona de xogos infantís con camas elásticas. As obras incluíron a substitución das canalizacións e a renovación das instalacións de saneamento, abastecemento, subministración eléctrica, alumeado público e telecomunicacións. A praza, central e articuladora, é froito do consenso, coa implicación da Fundación Rosalía de Castro, o Instituto de Estudos Miñoráns, o coro tradicional Cantares de Brión, a asociación Espazo Lectura, o arquitecto Pedro Souto e o propio Concello de Gondomar.

Os xardíns permiten facer un percorrido botánico pola obra de Rosalía de Castro

As persoas que se acheguen á nova praza Rosalía de Castro poderán aprender moito sobre a nosa escritora máis universal. A praza, especialmente os seus xardíns, é unha auténtica homenaxe que asocia o seu legado literario ao “Herbario de Rosalía”, un volume que recompila as referencias botánicas espalladas ao longo da obra da autora. Deste xeito, a praza concíbese como un percorrido con tres temáticas diferenciadas –tradición e cultura, gastronomía e feminismo–, cada unha nun ambiente composto por especies recoñecidas no mencionado catálogo, acompañadas de placas con fragmentos da súa obra e códigos QR nos que a xente pode ler información sobre as obras de Rosalía que mencionan cada especie arbórea situada nos xardíns. Así, a praza fusiona o uso lúdico propio dun espazo público e verde coa difusión da nosa cultura e outórgalle un enfoque didáctico.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.