A Deputación pon en marcha o maior operativo de seguridade viaria nun “2022 histórico” cun total de 36 obras nas estradas da provincia

O deputado Infraestruturas, Gregorio Agís, explica que o investimento suma máis de 14 millóns de euros entre obras en execución e as xa licitadas

12/04/2022

Gregorio Agís rolda de prensa

A Rede Provincial de Estradas, que está a experimentar unha profunda transformación dende o ano 2016 cun modelo de mobilidade segura e integral, vive neste 2022 un “ano histórico” no que se van realizar un total de 36 grandes obras de seguridade viaria cun investimento total de 14.075.896 euros. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, fixo balance dunha planificación “seria, con rigor” e traballo man a man cos concellos para redactar decenas de proxectos: “Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos; estamos a falar dun esforzo sen precedentes”, recalcou.

Das 36 grandes actuacións en marcha, 20 están xa en execución e o resto están adxudicadas ou coa licitación iniciada, polo que o comezo é inminente. Agís destacou que este despregue sería imposible sen a sinerxía cos concellos da provincia nun proceso de diálogo continuo que se traduce na sinatura de convenios de colaboración e permite ir madurando as seguintes actuacións. A día de hoxe hai outros 41 proxectos, valorados noutros 34 millóns, xa redactados e pendentes de que os concellos acrediten a titularidade dos terreos e completen as súas obrigas. “Polo tanto”, explicou Agís, “sumando os convenios asinados e os proxectos ‘vivos’, dispoñemos de 77 actuacións de seguridade viaria sobre a mesa, é dicir, 77 propostas de colaboración para traballar man a man na seguridade viaria nos centros urbanos, pobos e núcleos rurais nos concellos da provincia”. “Un paso importantísimo –afirmou- na transformación da rede provincial que reforza o papel pioneiro desta Deputación na transformación das vías de comunicación”.

“O ritmo da Deputación á hora de traballar pola mobilidade integral obriga tamén aos concellos a acompasarse. Se antes había moitos concellos que protestaban porque non se executaban obras nas estradas provinciais do seu territorio, agora os concellos reciben chamadas continuas dende a Deputación para preguntarlles como van nos seus trámites para materializar os convenios -subliñou o deputado de Infraestruturas. É dicir, antes eran os concellos os que agardaban pola Deputación e agora é a Deputación a que agarda polos concellos”. Así, hai convenios previstos con Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Meis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas de Reis, O Grove e Nigrán.

Condicións idénticas para os concellos, “goberne quen goberne”

Gregorio Agís significou que a Deputación achega o 80%, o 70% ou 0 60% en función de se os convenios prevén a execución de sendas peonís, a urbanización ou a reurbanización das vías. Tódolos convenios son “idénticos e con plena igualdade de condicións”, garantindo a transparencia e o impulso á seguridade viaria “goberne con goberne”. “Hai proxectos en case tódolos concellos da provincia –subliñou-. A seguridade viaria afecta a todo o mundo e de nada vale investir nas estradas dun concello concreto e desatender as do concello do lado, como fai a Xunta. Ninguén con rigor pode dicir que prime un signo político con respecto a outro, senón que priman criterios técnicos”. Unha política de Infraestruturas que, resaltou, foi obxecto de varios recoñecementos en congresos internacionais e responde á planificación e ao establecido no Decálogo de Criterios de Actuación nas Estrada Provinciais e sucesivas instrucións, así como ao Plan Estratéxico 2030 de Vías Provinciais que se presentará nas vindeiras semanas.

O deputado destacou que os 36 convenios e os 41 que están en carteira súmanse aos 60 executados dende entre 2016 e 2022 e que supuxeron xa cambios substanciais nas estradas provinciais de Sanxenxo, Pontevedra, Tomiño, A Guarda, Salceda, Mos, Tui, O Grove, Poio, Baiona, Marín, Arbo, As Neves, Silleda, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponteareas, Covelo, Cuntis, Redondela, Ponte Caldelas, Meis, Soutomaior, A Cañiza, O Rosal e Ribadumia. Ademais fixo repaso das actuacións do Plan Móvese coa execución de case 1.500 elementos de “calmado de tráfico” e lembrou, a maiores, os traballos ordinarios de pavimentación, incidencias, sinalización e mantemento de firmes e cunetas.

Gregorio Agís  subliñou que “en pouco máis de 6 anos non hai quen recoñeza ás estradas desta provincia”. E a pesar diso”, engadiu, “observamos con sorpresa un crecente ruído por parte do Partido Popular, que intenta distraer a atención e desvirtuar o debate poñendo o foco sobre reclamacións illadas, que responden a iso que o PP entende como intereses do seu partido”. Neste senso, afirmou que o PP “é incapaz de reivindicar o seu paso na institución, onde deixou a rede provincial nun estado deplorable, e o avance nos dous últimos mandatos, onde a Deputación pasou dos tempos da obra de asfaltado puro e duro a un modelo de mobilidade integral e inclusiva, e pasou da imposición ao diálogo. A realidade é hoxe que os concellos onde goberna o PP teñen as mesmas oportunidades de desenvolver proxectos que os demais”.

O deputado comparou este modelo de traballo “serio e planificado” cos concellos, baseado na seguridade viaria, co “clientelismo” da Xunta á hora de modernizar a rede autonómica de estradas. Así recordou que a Xunta, segundo os datos publicados no Portal de Transparencia, tan só ten tres convenios de seguridade viaria en vigor con concellos da provincia “e resulta que os tres (Sanxenxo, Valga e Salvaterra) están gobernados polo PP”. Ademais referiu que o volume de obra mobilizado polo Goberno galego nestes convenios é só de 2.631.085€. “E isto a pesar de que a Deputación ten 377 estradas e 1.700 Km, mentres que a rede convencional da Xunta na provincia é de 152 estradas e 1.155 Km; é unha diferencia moi significativa”.

 

audios