A estrada Maceiras-Albarellos, en Dozón, estrea novo pavimento cun investimento da Deputación de máis de 368.000 euros

28/06/2022

Obras en Dozón

Circular pola estrada provincial EP-6106 dende Maceiras (Dozón) en dirección á parroquia lalinense de Albarellos é agora máis seguro, unha vez que nos últimos días remataron as obras de pavimentación que acometeu a Deputación. A actuación, que tivo un orzamento de 368.315 euros, foi esta mañá obxecto dunha visita por parte do deputado Manuel González, acompañado do alcalde, Adolfo Campos. Ambos puideron comprobar o resultado duns traballos que amosan o compromiso continuo da institución provincial polo mantemento e mellora da seguridade viaria na rede provincial de estradas en tódolos concellos e en todas as comarcas.

A maquinaria renovou completamente o firme asfáltico entre o inicio da estrada e o PQ 4+800, é dicir no tramo que dá servizo á zona máis poboada ao acoller os núcleos de Maceiras, Pereiró, Sestos, Barrio,  Igrexa, Quenlla e Paredes, todos eles dentro do termo municipal de Dozón. As obras, que tiveron un prazo de execución de catro meses, permitiron restituír a calidade do firme, así como a reposición da sinalización horizontal e vertical garantindo así a seguridade viaria e unha adecuada prestación de servizo para a circulación rodada. Ademais instaláronse drenaxes para garantir a correcta evacuación das augas pluviais. Solucionáronse as fisuras e deformacións parciais que o pavimento presentaba en varios dos tramos. Para elo foi necesario demoler as áreas máis deterioradas e preparar a subbase con aplicación de saburra, macadam e rega asfáltica antes de aplicar unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente.

A estrada provincial ten unha lonxitude total de algo máis de 6 Km e parte da estrada N-525 en Maceiras e remata ao norte en Albarellos, parroquia lalinense limítrofe con Dozón, empatando coa autonómica PO-533. Ao longo do seu percorrido articula unha tupida rede de camiños e pistas de titularidade municipal. Segundo o último estudo do plan de aforos da Deputación, ten unha intensidade media de 125 vehículos ao día.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.