A Deputación encara a recta final do pioneiro traballo de inspección das 365 pontes na rede provincial de estradas

Carmela Silva destacou que os traballos concluirán en abril coa estrea dunha aplicación informática que avaliará continuamente o estado dos viadutos

15/07/2022

revisión de pontes

O traballo preventivo da Deputación para revisar a totalidade das pontes situadas na rede provincial de estradas, iniciado xa en febreiro de 2021, avanza a bo ritmo segundo desvelou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen destacou o carácter pioneiro dun estudo que se encargou moito antes de que se teñan producido importantes accidentes nas infraestruturas doutras Administracións. “Acordamos facer esta revisión”, explicou, “porque temos clara a nosa aposta non só por un modelo de mobilidade segura, que pon ás persoas no centro, pero tamén por unha política preventiva e baseada en criterios técnicos en materia de conservación”.

A presidenta destacou que foi “unha decisión pioneira” e que o estudo, que están a efectuar as enxeñerías Galaicontrol e Neto, rematará en abril de 2023, achegando non só información, senón tamén unha metodoloxía de traballo para a próxima década, analizando e monitorizando as pontes en tempo real. “Un enorme esforzo para previr calquera acontecemento non desexable”, remarcou.

260 pontes da Deputación e 95 doutras Administracións

A revisión afecta a un total de 355 pontes, das que 260 son de titularidade provincial porque forman parte do trazado dalgunha das case 170 estradas provinciais. Revísanse e inventaríanse tamén outras 95 que son titularidade doutras Administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Adif e Audasa) porque cruzan as estradas provinciais e afectan, por tanto, á súa seguridade. Nos 14 meses dende o inicio das inspeccións xa foron revisadas 118 pontes da Deputación (o 46% do total) e 67 doutras Administracións (un 71%).

“Ata o momento estou moi satisfeita cos resultados; nunca sabes o que te podes atopar cando se emprende un estudo que nunca antes  se fixera, pero o certo é que non descubrimos grandes deficiencias”. Ata o de agora, detallou Carmela Silva, detectáronse tres problemas que precisaban de actuacións urxentes para evitar un maior deterioro. Nos tres casos trátase de pequenas pontes que xa están reparadas. As obras realizáronse nas estradas EP-2703 Pazos-Ponteraeas (a aleta dun estribo lateral estaba desprendida, polo que se construíu un muro de contención novo), na EP-6204 Portela-Antas de Ulla, en Rodeiro (tres pezas de pedra do taboleiro estaban rotas, polo que foron substituídas e o firme foi reforzado con formigón armado) e na EP-8501 Valga-Martores (onde as aletas laterais de contención tiñan cedido, polo que foron substituídas por muros de pedra). “A medida que seguimos inspeccionando, actuaremos de forma inmediata”, recalcou a presidenta provincial.

Ademais, o traballo que está a desenvolver a Deputación inclúe a realización dun inventario e a posta en marcha dunha aplicación informática específica que tratará toda a información que se reúna no campo para tomar as mellores decisións preventivas na conservación das pontes e os seus diferentes elementos construtivos. Será un proceso de avaliación continua e de toma de decisións inmediatas. O inventario cualificará a conservación das pontes, en función da súa condición en cada momento, como moi boa, boa, aceptable, mala ou moi mala, planificando así as actuacións do departamento provincial de Infraestruturas.

Carmela Silva concluíu referíndose á ponte de Catoira, “que une dúas provincias e, por tanto, debería ter sido transferida hai tempo á Xunta, cousa que aínda non conseguimos, pero eu agardo que podamos facelo nun prazo razoable”. Este viaduto non forma parte da revisión xenérica que se está a desenvolver, porque xa foi obxecto dunha “inspección especial (así se denomina tecnicamente pola profundidade da análise) no ano 2019. O informe mesmo foi enviado á Xunta no marco das conversas da comisión de transferencias. A conclusión da “inspección especial” é que a integridade da ponte catoirense é satisfactoria. Ademais, esta actuación serviu para programar a conservación rutineira para a próxima década, valorada en 128.000 euros, e para colocar sensores nos que se recollen medidas periódicas. “Os últimos datos están a piques de chegar, pero xa sabemos que as medidas foron correctas”, concluíu a presidenta da Deputación.