O Museo solicita unha subvención de tres millóns de euros do PIREP para rehabilitar os seus edificios centrais

O vicepresidente César Mosquera explica que a Deputación aspira á contía máxima á que se pode optar para o proxecto

08/06/2022

Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra, a través da Deputación, vén de solicitar  unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) no marco dos fondos europeos Next Generation para consolidar, restaurar e realizar unha interconexión accesible mediante o subsolo dos seus edificios centrais. Segundo subliña o vicepresidente César Mosquera trátase do importe máximo de subvención ao que se pode optar na convocatoria, unha petición que se presenta con bastante confianza de obter bos resultados porque “se cumpren todos os criterios de concesión”.

Segundo explica Mosquera, a Deputación decidiu presentar a recuperación dos edificios do Museo como proxecto subvencionable ao PIREP porque os convenios que dan soporte ao programa teñen un alto orzamento –un total de 480 millóns de euros- para rehabilitacións sustentables de todo tipo de edificios de titularidade pública e uso público.

Ese crédito servirá en xeral para financiar actuacións que, no marco dunha rehabilitación integral, garantan o cumprimento dos requisitos establecidos polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ( PRTR) cun carácter integrado -no sentido definido pola Axenda Urbana Española-.

Neste sentido, no expediente presentado polo Museo á convocatoria sublíñase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais “é un claro expoñente da visión integral promovida polo PIREP, aunando criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica da Nova Bauhaus”. A proposta da rehabilitación –insisten- “garante o cumprimento dos prazos previstos, o aforro enerxético e a incorporación de altos estándares de calidade arquitectónica en consonancia co conxunto patrimonial dos edificios do Museo de Pontevedra”.

A petición económica da Deputación sobre os fondos europeos faise polo total máximo subvencionable de 3 millóns de euros sobre un custe total elixible da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total ( tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.

Un proxecto sólido, innovador e oportuno      
Os seis criterios de valoración concretos recollidos nas bases do programa e que o Museo cumpre fan referencia á calidade, enfoque integral, innovación, gobernanza, solidez e oportunidade. Sobre o primeiro valor, na candidatura sublíñase que a obra será “unha intervención exemplificativa sobre un BIC destas características, axuntando unha arquitectura de recuperación de valores orixinais na que conviven achegas de diferentes épocas cun uso museístico contemporáneo, tecnificado, sostible, dixitalizado, accesible e flexible que permita un funcionamento diario óptimo e a correcta conservación preventiva do propio ben e das obras que contén. Esténdese a intervención ao exterior coa recuperación da súa imaxe gráfica, o axardinamento e as zonas de espera exteriores como motivos de revitalización da contorna”.

Sobre o enfoque integral, apúntase que ademais da redución do consumo enerxético en torno ao 80%, introdúcese accesibilidade completa ao establecer unha plataforma única por piso, e entre plantas, mediante ascensores comunicados entre si por soto. Illaranse e impermeabilizarán cubertas e fachadas exteriores e substituiranse  cerraxerías e carpinterías, actualizando as calidades dos vidros.

No que ten que ver coa innovación, a proposta incorpora tres puntos fundamentais: primeiro, a innovación enerxética, cun aforro en torno ao 80%, parte do emprego dunha bomba de calor xeotérmica auga-auga debido ao grao de protección patrimonial do edificio e da contorna; segundo, innovación construtiva, coa unificación dos sistemas de illamento, ventilación e climatización que distribúen verticalmente as instalacións desde a cuberta evitando afectar os muros interiores; e terceiro, innovación tipolóxica, co establecemento dunha mesma ‘pel grosa’ interior multifunción que compacta simultaneamente as instalacións e as vitrinas expositivas, ademais de servir de encontro entre a cota de planta e as de balcóns.

En canto á gobernanza a rehabilitación das edificacións, salienta o Museo, é o resultado da xestión e interacción con diferentes axentes sociais, baseada en criterios de responsabilidade compartida, participación, transparencia e eficiencia. Indícase aquí a cooperación institucional entre o  Concello de Pontevedra mediante a firma do convenio de colaboración e a tramitación da modificación puntual do Peprica, así como a interacción coa  administración patrimonial, responsable no seu momento da autorización do proxecto de rehabilitación. Tamén se subliña a participación cidadá por medio da participación do  Consello Asesor do Museo Pontevedra, que integra profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa cultura, que achegaron unha visión plural e representaron aos diferentes sectores sociais da cidade.

Sobre a solidez da proposta de rehabilitación presentada, na xustificación da candidatura o Museo subliña que desde o peche ao público en 2014 dos edificios centrais sucedéronse diferentes iniciativas para solución da accesibilidade, todas elas incompatibles coa catalogación dos edificios, ata que en 2020 se puxo sobre a mesa o programa específico de actuacións técnicas conxuntas para a restauración dos edificios que engloba o desenvolvemento da actual proposta mediante unha conexión subterránea con encaixa na protección patrimonial e a normativa urbanística. A partir de aquí realizáronse, explica o expediente, tanto os preceptivos estudos técnicos -xeotecnia, arqueoloxía e patoloxía construtiva- como o baleirado final do inmoble, o cal permitiu a realización dun levantamento preciso por nube de puntos mediante tecnoloxía de láser escáner 3D. “Toda esta documentación técnica xerada con gran precisión asegura a fiabilidade e definición necesarias para evitar problemas na redacción dos proxectos que deriven en atrasos no proceso construtivo; así como unha tramitación administrativa correcta do expediente”, apunta o documento.

Finalmente, no relativo á oportunidade do proxecto e á súa subvención, o Museo de Pontevedra defínese como unha das principais institucións culturais de Galicia,  “polo que a rehabilitación de dúas das súas sedes primixenias é unha demanda cidadá desde hai anos”, lembra o vicepresidente Mosquera.

A xustificación técnica da petición dos fondos europeos apunta que para o cumprimento da súa función social, ademais de facilitar a renovación do seu programa expositivo, a rehabilitación das edificacións permitirá incorporar novas funcións mediante a creación do ‘MuseoLAB’, un espazo concibido para o desenvolvemento de programas educativos orientados a toda a comunidade (educación formal, non formal e informal) desde a innovación e a cooperación para a creación e transferencia de contidos educativos. “Esta actuación será de utilidade para a comunidade local, pero tamén para todos os visitantes e peregrinos de paso polo Camiño Portugués rumbo a Santiago de Compostela”, engaden.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.