O Museo consigue a máxima subvención do PIREP para rehabilitar os seus edificios centrais: tres millóns de euros

O proxecto para reformar e unir os inmobles foi un dos 181 seleccionados  dos máis dun milleiro presentados

04/04/2023

Cesar Mosquera

O Museo de Pontevedra vén de conseguir unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos –PIREP- no marco dos fondos do Next Generation para realizar as obras de consolidación, restauración e interconexión mediante o subsolo dos seus edificios centrais situados na Praza da Leña. Trátase da primeira inxección de fondos externos que consegue o Museo para iniciar unha obra “moi necesaria para o futuro da institución”, segundo destaca o vicepresidente César Mosquera.

O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1020 presentadas e acadou unha puntuación de 51,75 puntos. Outros 799 expedientes de solicitude non foron aprobados e outros 140 nin sequera pasaron á fase de valoración por incumprimento dos requirimentos ou desestimento das administracións solicitantes.

A petición económica da Deputación no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) fixérase en xuño de 2022. Calculárase sobre un custe total elixible da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total ( tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.

A súa aprobación supón unha “grande satisfacción”, entre outras cousas –destaca Mosquera-, porque se acadou o importe máximo ao que se podía optar na convocatoria, unha contía que se entendía difícil, pero que no seu momento se presentara con bastante confianza de bos resultados porque se cumprían todos os criterios esixidos.  É de subliñar que na resolución aprobada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana apenas acadaron a cifra de fondos máxima de tres millóns de euros outras 14 institucións locais, sendo o importe mínimo concedido de  236.470 euros.

Por outra banda, só outras tres administracións locais de carácter supramunicipal foron beneficiarias das axudas ademais da Deputación de Pontevedra: a Deputación de Salamanca (para o proxecto Habitat 2030) e a de Huesca (destinadas á rehabilitación dunha residencia para uso universitario), xunto ao consello insular de Menorca (para unha granxa rural). Quedaron fóra 44 iniciativas solicitadas por outras 29 administracións provinciais.

No expediente presentado polo Museo á convocatoria subliñábase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais “é un claro expoñente da visión integral promovida polo PIREP, unindo criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica da Nova Bauhaus”. A proposta da rehabilitación –dicía a solicitude- “garante o cumprimento dos prazos previstos, o aforro enerxético e a incorporación de altos estándares de calidade arquitectónica en consonancia co conxunto patrimonial dos edificios do Museo de Pontevedra”.

Unha vez aprobada a resolución do Goberno central coas subvencións concedidas, o Museo ten de prazo ata o 18 de abril para aceptar a axuda e as súas condicións a través da plataforma creada ao efecto.

Un proxecto sólido, innovador e oportuno        

Os seis criterios de valoración puntuables segundo as bases do PIREP facían referencia á calidade, enfoque integral, innovación, gobernanza, solidez e oportunidade do proxecto presentado.

Sobre o primeiro valor, a calidade, na candidatura do Museo subliñábase que a obra é “unha intervención exemplificativa sobre un BIC, axuntando unha arquitectura de recuperación de valores orixinais na que conviven achegas de diferentes épocas cun uso museístico contemporáneo, tecnificado, sostible, dixitalizado, accesible e flexible que permita un funcionamento diario óptimo e a correcta conservación preventiva do propio ben e das obras que contén. Esténdese a intervención ao exterior coa recuperación da súa imaxe gráfica, o axardinamento e as zonas de espera exteriores como motivos de revitalización da contorna”.

Sobre o enfoque integral, o Museo defendeu que ademais da redución do consumo enerxético en torno ao 80%, a reforma introduce accesibilidade completa aos inmobles ao  establecer unha plataforma única por piso, e entre plantas, mediante ascensores, estando os inmobles comunicados entre si por un soto. Engadíase que grazas ao proxecto illaranse e impermeabilizarán cubertas e fachadas exteriores e substituiranse  cerraxerías e carpinterías, actualizando as calidades dos vidros.

No que ten que ver coa innovación, a proposta do Museo agora subvencionada incorporaba tres puntos fundamentais: primeiro, a innovación enerxética, cun aforro en torno ao 80%, parte do emprego dunha bomba de calor xeotérmica auga-auga debido ao grao de protección patrimonial do edificio e da contorna; segundo, innovación construtiva, coa unificación dos sistemas de illamento, ventilación e climatización que distribúen verticalmente as instalacións desde a cuberta evitando afectar os muros interiores; e terceiro, innovación tipolóxica, co establecemento dunha mesma ‘pel grosa’ interior multifunción que compacta simultaneamente as instalacións e as vitrinas expositivas, ademais de servir de encontro entre a cota de planta e as de balcóns.

A rehabilitación das edificacións en canto á gobernanza, salienta o Museo, é o resultado da xestión e interacción con diferentes axentes sociais, baseada en criterios de responsabilidade compartida, participación, transparencia e eficiencia. Indicouse aquí a cooperación institucional entre o  Concello de Pontevedra mediante a firma do convenio de colaboración e a tramitación da modificación puntual do Peprica, así como a interacción coa  administración patrimonial, responsable no seu momento da autorización do proxecto de rehabilitación. Tamén se subliñou a participación cidadá por medio da participación do  Consello Asesor do Museo Pontevedra, que integra profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa cultura, que achegaron unha visión plural e representaron aos diferentes sectores sociais da cidade.

Sobre a solidez da proposta de rehabilitación presentada, na xustificación da candidatura o Museo subliñou que desde o peche ao público en 2014 dos edificios centrais sucedéronse diferentes iniciativas para solución da accesibilidade, todas elas incompatibles coa catalogación dos edificios, ata que en 2020 se puxo sobre a mesa o programa específico de actuacións técnicas conxuntas para a restauración dos edificios que engloba o desenvolvemento da actual proposta mediante unha conexión subterránea con encaixa na protección patrimonial e a normativa urbanística. A partir de aquí realizáronse, explica o expediente, tanto os preceptivos estudos técnicos -xeotecnia, arqueoloxía e patoloxía construtiva- como o baleirado final do inmoble, o cal permitiu a realización dun levantamento preciso por nube de puntos mediante tecnoloxía de láser escáner 3D. “Toda esta documentación técnica xerada con gran precisión asegura a fiabilidade e definición necesarias para evitar problemas na redacción dos proxectos que deriven en atrasos no proceso construtivo; así como unha tramitación administrativa correcta do expediente”, apunta o documento.

Finalmente, no relativo á oportunidade do proxecto e á súa subvención, o Museo de Pontevedra defínese como unha das principais institucións culturais de Galicia,  “polo que a rehabilitación de dúas das súas sedes primixenias é unha demanda cidadá desde hai anos, fundamental para o futuro da institución”, lembra o vicepresidente Mosquera.