A oficina de fondos europeos cumpre un ano xestionando grandes proxectos e asesorando aos Concellos da Provincia

No 2022, a Deputacíón captou máis de 15,4 millóns de fondos europeos para desenvolver 24 proxectos, ten outros 26 presentados e 12 en vías de tramitación, elaboración e valoración

08/01/2023

Ante o panorama de grandes oportunidades que se abriu cos fondos NextGenerationEu e a presentación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a Deputación de Pontevedra decidiu poñer en marcha en decembro de 2021 unha Oficina de Fondos Europeos, a través da cal xestionar os proxectos propios e, amais, asesorar aos concellos da provincia co fin de que poidan aproveitar ao máximo as opcións que ofrece o mecanismo de recuperación económica da Unión Europea, así como outros programas de financiamento. Neste ano de funcionamento da oficina provincial, a Deputación captou máis de 15,4 millóns de euros de fondos europeos para desenvolver 24 grandes proxectos, ten outros 26 presentados a diferentes convocatorias e 12 en vías de tramitación, elaboración e valoración.

Ademais de xestionar os proxectos propios, desde a oficina de Fondos Europeos tamén se asesora aos concellos da provincia a través de catro liñas de traballo: xestión e control dos proxectos que eles mesmos presentan a convocatorias do Plan de Recuperación, difusión das axudas dirixidas aos concellos e financiadas con fondos europeos, formación para técnicos e gobernantes e servizo de asistencia e apoio continuo aos concellos da provincia en cuestións relativas á preparación de solicitudes de axudas.

Ao abeiro do traballo realizado, no pasado setembro púxose en marcha un repositorio con material de axuda e apoio para as entidades locais que inclúe, entre outros documentos, os manuais de marca e procedementos do Plan de Recuperación, así como os nexos necesarios para a correcta xestión de fondos e proxectos; presentacións e materiais empregados nas diferentes formacións realizadas cos concellos e material de contratación, que inclúe exemplos dos modelos de pregos e contratos da Deputación. Por outra banda, ven de publicarse o décimo boletín mensual no que se informa aos concellos da provincia das novas axudas financiadas con fondos europeos que son de interese para entidades locais. Ademais, o persoal da Oficina de Fondos Europeos desenvolve periodicamente formacións presenciais e telemáticas para explicar ao persoal dos concellos o proceso para presentar axudas, os plan de medidas antifraude ou os principios de xestión do Plan de Recuperación, entre outras cuestións.  

A última das liñas de actuación con concellos é o servizo de asistencia e apoio continuo aos concellos da provincia en todo o relativo á preparación de solicitudes de axuda e xestión de proxectos. Como exemplo, o apoio que a Deputación prestou aos concellos a través dunha liña de axudas para asistencias técnicas para presentar proxectos ao Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP local), que axudou a que nove concellos da provincia conseguiran un total 4,2 millóns de euros de financiamento europeo.