O estaleiro de Purro inicia unha nova etapa como centro museístico da cultura mariñeira de Bueu
As actuacións para a súa restauración foron financiadas pola Deputación, que investiu case 430.000 euros do Plan Concellos nas dúas fases do proxecto
02/09/2022
O estaleiro de Purro en Bueu comezou a escribir hoxe unha nova páxina da súa historia coa inauguración da segunda fase da súa completa restauración e musealización, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Foi un sentido e emotivo acto ao que asistiu a presidenta provincial Carmela Silva, que reivindicou a memoria colectiva da vila e á súa cultura mariñeira. Para conmemorar a data o evento desenvolveuse nun escenario na zona exterior do “estaleiro que contaba historias” -coa praia da Banda do Río ao fondo- e que acolleu mostras culturais e momentos cargados de emoción dos que foron testemuña máis dun cento de persoas. Entre elas destacou, amais do alcalde Felix Juncal, as alcaldesas de Cangas, Victoria Portas; e Moaña, Leticia Santos; concelleiras/os de Bueu e representantes do mundo da cultura e colectivos veciñais, a presencia de Manolo Purro, o último carpinteiro de ribeira, “verdadeira artesanía” de tanta tradición na historia das vilas mariñeiras galegas
O acto foi toda unha manifestación cultural e de afectos, coordinada por dous artistas de Bueu, a poeta Miriam Ferradáns e o ilustrador Luis Davila. Así, arrancou cun recital de poesías no que participaron Xosé Daniel Costas, fundador da Asociación Cultural Lonxa Literaria de Moaña; Lucía Novas, poeta de Bueu; Susana Aríns, poeta e integrante da plataforma de crítica literaria feminista; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Á vez que se declamaban versos, Davila foi debuxando unha obra cuxa elaboración se puido ver en directo a través dunha pantalla. A parte cultural do acto completouse coa actuación de Sheila Patricia, unha das artistas que forman parte do catálogo de Descúbreas da Deputación, quen interpretou varios temas musicais.
Tralas manifestacións culturais chegou a quenda do recordo e a posta en valor de todo o que supuxo e supón o estaleiro de Purro para Bueu. Fíxose coa proxección de dous vídeos que amosaron como se xestou o estaleiro e a súa historia na vila de Bueu e nos que se puideron escoitar declaracións de Víctor Domínguez, fundador da Asociación de Amigos de Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu e falecido o ano pasado. Volver a escoitar a súa voz causou gran emoción entre o público, xa que a súa incansable loita a prol da conservación do estaleiro foi un piar fundamental nesta recuperación. Os sentimentos seguiron a aflorar cando Lola González, neta de Manolo Purro, subiu ao escenario para recitar un poema. Este acto foi toda unha sorpresa para o seu avó, quen se amosou agradecido por un xesto de cariño tan especial. A inauguración rematou coa descuberta dunha placa no interior do estaleiro e unha pequena visita ao espazo.
A presidenta da Deputación puxo o foco na súa intervención en “tódalas historias que naceron neste estaleiro, que marcaron o devir da poboación de Bueu e que agora, tras esta musealización, esperamos que todas e todos poidamos aprender delas”. Ademais, “con esta actuación buscamos que poidan volver a xurdir novas historias de superación, de cultura, amizade ou amor pola nosa provincia nun lugar tan marabilloso como é o da praia da Banda do Río e a súa contorna”. Carmela Silva tivo palabras de agradecemento e recordo das persoas e colectivos que loitaron por facer posible “un proxecto que permitiu recuperar para a poboación o estaleiro de Purro, unha icona da memoria colectiva da vila que foi fonte de riqueza, cultura e traballo á vez que mantivo viva unha tradición e un oficio como o da carpintería de Ribeira”.
Pola súa banda, Félix Juncal amosouse satisfeito polo resultado das actuacións levadas acabo co “apoio económico da Deputación” e asegurou que “despois dunha longa travesía, por fin podemos dicir que o estaleiro estará con nós para sempre”. Na súa intervención o alcalde tamén agradeceu a loita de todas as persoas que fixeron posible este proxecto e fixo unha mención especial a Manolo Purro e á súa familia “por deixarnos este estaleiro que é coma o embrión do que parte a historia do noso pobo”, e a Víctor Domínguez que para Bueu “será sempre un baluarte fundamental na defensa do patrimonio”.
O proxecto de recuperación
Con esta inauguración déronse por rematadas as actuacións de restauración e musealización do antigo estaleiro da Banda do Río, o único que conserva unha carpintería de ribeira na ría de Pontevedra. Estas actuacións leváronse a cabo en dúas fases, a primeira centrouse na carpintería e rematou en 2018 mentres que a segunda -a inaugurada hoxe- fixo fincapé na musealización e recreación dos espazos interiores. Todo isto foi posible gracias a dúas achegas do Plan Concellos da Deputación que suman 427.247 euros.
Así, con esta segunda fase completouse o proceso de restauración do estaleiro mediante a execución de obras complementarias, a urbanización exterior e a musealización do espazo. Nela acometeuse a restauración dos obxectos que forman parte da exposición, o traslado dos barcos e a instalación da sinalización. E tamén se executaron labores de recuperación de elementos de maquinaria relacionados co oficio de carpinteiro de construción tradicional de embarcacións. O espazo urbano completouse con bancos de madeira e a pavimentación da área limítrofe.