O Plan Concellos 2023 alcanza a cifra récord de 44 millóns € de financiamento regrado aos municipios garantindo dereitos e servizos en toda a provincia

Crece un millón de euros con respecto á actual anualidade, un incremento que irá destinado integramente a reforzar aos concellos de menos de 20.000 habitantes

26/10/2022

Presentación Plan Concellos

O Plan Concellos, o instrumento de financiamento obxectivo da Deputación aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, crecerá en 2023 ata os 44 millóns de euros co obxectivo de garantir que os municipios de tódalas comarcas da nosa provincia poidan continuar realizando obras de competencia municipal e garantindo dereitos a través dos distintos servizos que prestan á cidadanía. A Deputación reforza o Plan Concellos cun millón de euros adicional que estará especificamente destinado aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que recibirán así máis apoio económico provincial como vía para facer fronte aos efectos da crise global de inflación. Os números do Plan, que será aprobado no Pleno ordinario do próximo venres, foron presentados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, que destacaron a axilidade coa que o Plan sae á luz, aínda sen rematar o mes de outubro, permitindo así aos concellos planificar con suficiente antelación de cara ao ano próximo.

Carmela Silva destacou o impacto transformador da aposta da Deputación por un plan regrado de financiamento municipal modélico: “Estamos facendo o que hai que facer, boas prácticas políticas, aprobando en tempo e en forma todo o que ten que ver coa financiación dos concellos” . “Somos”, asegurou, “a Administración que está máis cerca dos concellos e non é “palabrería”, son datos, son proxectos e feitos”. Nesta liña aludiu aos informes do Ministerio de Facenda que sitúan a Pontevedra como a Deputación que máis transfire. “É un esforzo case sobrehumano que dende 2016 teñamos sido capaces de trasladar 340,7 millóns de euros aos concellos dende unha Deputación que ten unha media de 175 millóns de euros de orzamento anual”, concluíu.

Despois de destacar que cada concello recibe a súa achega en base a unha fórmula que ten en conta a súa superficie, poboación, número de núcleos e densidade demográfica, afirmou que a Deputación “respecta a autonomía local e permite aos concellos planificar con tempo a súa actividade”. Só así, resumiu, é posible esta alianza institucional para que os concellos  “poidan asumir as súas competencias con recursos suficientes, impulsando grandes transformacións e que a xente, viva onde vida, teña dereitos e servizos”.

A presidenta fixo especial fincapé no maior esforzo para apoiar aos concellos máis pequenos, “que sempre son os que máis reciben e así o reflicten os datos acumulados”. “Dise rápido, pero os concellos de menos de 10.000 habitantes recibiron máis de 156 millóns de euros desta Deputación dende 2016”, espetou a presidenta. O apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes neste Plan Concellos 2023 tradúcese un total de 34 millóns de euros, fronte aos 10 millóns que percibirán os de máis de 20.000 habitantes, cifras que demostran a vocación de impulsar aos municipios pequenos e medianos.

Á vista dos datos, os 37 concellos da provincia que teñen menos de 10.000 habitantes obterán o ano próximo 19.941.979 euros; os 14 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes, 14.057.498 euros e os oito que superan os 20.001 habitantes sen exceder dos 50.000 habitantes, un total de 10.000.523 euros. Ademais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que alcanza os 30,5 millóns de euros; a liña 2, de gasto corrente, pago a provedores, amortización e actividades, estará dotada con 4 millóns de euros e, finalmente, a liña 3 de fomento do emprego para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais contará con 9,5 millóns de euros.

En canto ás cifras globais, da aposta da Deputación polo financiamento regrado e estable a través do Plan Concellos dá conta o dato de que creceu dos 42,20 millóns de euros do ano 2020 ata os 44 millóns reservados no Orzamento provincial de 2023. Unha achega materializada ano tras ano e que na convocatoria do ano próximo tradúcese no millón de euros adicional para os concellos de menos de 20.000 habitantes.

Pola súa banda, César Mosquera cualificou ao Plan Concellos como a medida estrela da Deputación no acompañamento ao municipalismo da provincia. “Son fondos previsibles, para preparar  con marxe suficiente as actuacións municipais”. O vicepresidente ironizou afirmando que xa sería demasiado aprobar o Plan Concellos en maio ou xuño, “chega con facelo en outubro cando aínda non están nin aprobados os Orzamentos do Estado, nin os da Xunta. Cada vez imos máis rápido”. Ademais, vinculou esta “previsibilidade” da Deputación coa boa execución das obras municipais ao longo do ano. “O Plan Concellos é a demostración de que esta Deputación mira polos concellos e preocúpase por resolver os seus problemas en lugar de gastar enerxía en cuestións colaterais”, sentenciou.

Novidades nas bases

As novidades do próximo ano inclúen, ademais do incremento total nun millón de euros destinado integramente aos municipios con poboación inferior aos 20.000 habitantes, a posibilidade de trasladar ata un 30% dos fondos da liña 1 á liña 2 co obxectivo de incrementar a liquidez daqueles concellos que o precisen. Unha flexibilidade que, ademais, mantén a posibilidade xa prevista en anos anteriores de traspasar integramente os fondos das liñas 2 e 3 á liña 1 (é dicir das liñas de gasto corrente e emprego á liña de investimentos). Finalmente, a liña 3, que financia boa parte dos plans de emprego municipais na provincia, adáptase á Reforma Laboral, que determinou a desaparición dos contratos por obra ou servizo. A Deputación articula agora esta liña como un Programa propio de Política Activa de Emprego, de acordo co disposto no artigo 36.3 do texto refundido da Lei de Emprego que permite que este tipo de programas sexan xestionados mediante a concesión de subvencións públicas.

Balance 2016-2023: case 341 millóns de euros

Desde 2016, ano en que a Deputación puxo en marcha o Plan Concellos para garantir o financiamento regrado aos concellos con criterios obxectivos, achegáronse aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes máis de 340,7 millóns de euros, dos que máis de 156,7 millóns de euros foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 110,3 millóns de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e preto de 73,6 millóns de euros para o grupo cunha poboación comprendida entre os 20.001 e os 50.000 habitantes.  O concello máis pequeno da provincia, Mondariz-Balneario, recibirá 275.520 euros e o maior dos financiados a través do Plan Concellos, Vilagarcía de Arousa, 1.399.121 euros.

Dende o 2016 e ata a actualidade os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.913 obras, equipamentos e actuacións no marco da liña 1 de investimentos en obras como melloras das rúas, camiños e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecementos de auga potable e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, adquisición de vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Pola súa banda, coa liña 2 os concellos da provincia xustificáronse 1.440 pagamentos de gasto corrente, a provedores, amortizacións e actividades e, finalmente, a través da liña 3 de emprego coa financiación da Deputación creáronse  7.007 postos de traballo nos servizos municipais.

 

IMPACTO DO PLAN CONCELLOS POR COMARCAS

 

Comarca de Pontevedra

Os concellos da comarca de Pontevedra terán á súa disposición o próximo ano 2023 7.647.995,47 euros do Plan Concellos, o que supón un 2,64% máis que nesta anualidade, cando lle corresponderon 7.451.569,68 euros.

Poio recibirá o ano próximo, 1.081.903,15 €; Cerdedo-Cotobade, 768.871,11 €; Marín, 1.033.236,68 €; Caldas de Reis, 770.483,63 €; Ponte Caldelas, 603.166,20 €; Cuntis,  580.233,73 €; Vilaboa, 544.940,08 €; A Lama, 504.360,98 €; Moraña, 505.017,48 €; Barro, 459.036,32 €; Portas, 402.865,39 € e Campo Lameiro, 393.880,72 €.

Comarca de Vigo

Os concellos da comarca de Vigo terán á súa disposición 8.392.916,61 euros do Plan Concellos 2023, ou sexa un 2,04% máis que os 8.225.420,84 euros do 2022.

O Porriño obterá 1.025.640,62 €; Nigrán, 1.046.165,74 €; Redondela, 1.165.614,55 €; Gondomar, 1.028.882,90 €; Mos, 1.004.157,20 €; Baiona, 959.011,11 €; Salceda de Caselas, 724.382,15 €; Soutomaior, 598.597,54 €; Pazos de Borbén, 431.853,76 € e, finalmente, Fornelos de Montes, 408.611,04 €.

Comarca do Salnés

Os concellos do Salnés terán á súa disposición 8.626.612,59 euros do Plan Concellos 2023, o que supón un incremento do 2,28% sobre os 8.434.264,34 euros do ano 2022.

Vilagarcía de Arousa ingresará 1.399.121,05 €; Sanxenxo, 1.196.145,11 €; Cambados, 981.011,71 €; O Grove, 826.032,14 €; Vilanova de Arousa, 790.693,42 €; Valga, 586.039,99 €; Meaño, 540.507,12 €; Meis, 516.270,05 €; Ribadumia, 506.548,56 €; A Illa de Arousa, 451.955,82 €; Catoira, 445.971,73 € e, por último, o Concello de Pontecesures, 386.378,89 euros.

Comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes

Os concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes terán a súa disposición o próximo ano 2023 6.687.184,88 € o que supón un 1,68% máis que os 6.576.514,08 euros da actual anualidade.

A Estrada, 1.559.742,12 €; Lalín, 1.528.379,08 €; Silleda, 843.567,98 €; Vila de Cruces, 693.286,44 €; Forcarei, 586.992,40 €; Rodeiro, 546.403,83 €; Agolada, 542.950,95 € e, por último, Dozón, 385.862,12 €.

Comarca do Baixo Miño

Os concellos da comarca do Baixo Miño terán á súa disposición o próximo ano 2023 4.245.526,39 euros, ou sexa, un 1,96% máis que na actual anualidade cando lles corresponderon 4.163.903,58 euros.

Tomiño recibirá 1.273.868,17 €; Tui, 1.088.002,69 €; A Guarda, 788.598,68 €; O Rosal, 611.553,06 € e Oia 483.503,79 €.

Comarca do Morrazo

Os concellos do Morrazo terán á súa disposición no 2023 un total de 3.020.828,36 euros, alcanzando un incremento dun 1,6% sobre a actual anualidade, que ten 2.973.329,30 euros.

Cangas recibirá 1.126.397,71 €; Moaña, 1.039.031,89 € e Bueu, 855.398,76 €.

Comarcas do Condado e da Paradanta

Os concellos do Condado e A Paradanta terán á súa disposición o próximo ano 2023 5.378.935,70 euros do Plan Concellos, o que supón un 3,94% con respecto aos 5.174.998,18 euros deste ano.

Ponteareas obterá en 2023 un total de 1.162.391,49 €; Salvaterra de Miño, 887.193,67 €; A Cañiza, 583.115,09 €; As Neves, 571.482,97 €; Mondariz, 544.343,50 €; Covelo, 483.585,22 €; Arbo, 453.900,49 €; Crecente, 417.402,33 € e, para rematar, Mondariz-Balneario, 275.520,94 €.

MODIFICACIÓN DO ORZAMENTO 2022

Finalmente, o vicepresidente Mosquera aproveitou a comparecencia de presentación do Plan Concellos 2023 para anunciar que no mesmo pleno do venres no que se aprobarán as bases darase tamén conformidade a modificacións orzamentarias por un importe acumulado de 6.436.000 euros para atender dúas cuestións que cualificou como “de suma relevancia”.

Por un lado, unha modificación de crédito, de 5,66 millóns de euros para seguir mellorando as estradas provinciais e, polo outro, un incremento dun 1,5% para o persoal ao servizo da Deputación para cumprir o Real Decreto Lei sobre medidas de protección aos consumidores de enerxía e de  retribucións do persoal ao servizo do sector público.

Galerias de imaxes

videos

audios