Máis de 200 mulleres de 11 concellos comezan esta semana novas accións formativas do programa da Deputación “Conectadas”
Os cursos terán lugar na Estrada, A Lama, Gondomar, Mondariz, Poio, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa
08/10/2023
Máis de 200 mulleres de asociacións de 11 concellos da provincia comezan a próxima semana 16 novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa, que esta semana chega ata A Estrada, A Lama, Gondomar, Mondariz, Poio, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa, ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas.
O luns 9 de outubro iniciaranse tres accións: 20 mulleres da Asociación de Veciños San Juan de Dorrón (Sanxenxo) comezarán o curso de Administración electrónica, 12 mulleres da Asociación de Veciños San Pedro da parroquia de Gaxate da Lama introduciranse no ioga e 22 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais San Benito de Gondomar comezarán sendeirismo.
O martes 10 darán comezo dez actividades. O obradoiro de ximnasia hipopresiva impartirase para 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais “A Purísima” (A Estrada) e para 12 da Asociación de Mulleres Rurais de Dornelas de Silleda. Pola súa banda, 14 usuarias da Asociación Cultural Mulleres do Mar de Poio participarán na actividade de administración de redes sociais e 12 mulleres da Asociación de Veciños de Xabriña de Mondariz comezarán o obradoiro centrado en Administración electrónica. A Asociación Mulleres Rurais Aires do Norte y Olé de Ponte Caldelas participará con 14 mulleres e a Asociación cultural e veciñal Pozo Vello con outras 18 no obradoiro de risoterapia, mentres que no de pintura participarán 15 socias da Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Curantes. Serán 13 mulleres da Asociación de Veciños Agustín Romero (Vilagarcía de Arousa) as que comezarán o curso de taichí. Por último, 15 usuarias da Asociación de Veciños Verdecedo dos Barrios de Berducido (A Lama) iniciaranse en pilates, curso que tamén asistirán 13 mulleres da Asociación Cultural A Moreira A Tope (Soutomaior)
O venres 13 será a quenda de dous obradoiros. O taller de musicoterapia impartirase para 12 usuarias da Asociación Veciñal e Cultural de Moreira (Soutomaior); mentres que 24 mulleres da Asociación Veciñal O Eixo de Soutoxuste de Redondela iniciarán o curso de poda e tarefas do campo desde a sostibilidade. Pola súa banda, o sábado 14 dará comezo o curso de iniciación ao scrapbooking para 14 usuarias da Asociación Cultural Laxe das Cruces de Tourón (Ponte Caldelas).
Neste 2023 participan no programa “Conectadas” máis de 4.000 mulleres de 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa). Os colectivos beneficiarios puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos Emprende, iniciativas sostibles para o emprego; ExpresARTE; Conéctate; Sementa sostibilidade e mais O teu momento, coidado e benestar. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes e teñen unha duración de 35 horas.