Dous novos cursos do programa da Deputación “Conectadas” comezan esta semana en Redondela e Lalín
Preto de 30 mulleres participarán en iniciativas formativas centradas na procura de emprego e na saúde
23/10/2023
A Deputación de Pontevedra ten programada para esta semana o arranque de dúas novas accións formativas de “Conectadas”, unha en Redondela e outra en Lalín. En total, preto de 30 mulleres participarán neste programa provincial, que ten como principal obxectivo potenciar a promoción e a saúde das mulleres a través da formación.
Este luns, 23 de outubro, doce usuarias da Fundación Formavigo participarán no obradoiro Actívate na Procura de Emprego, que se impartirá os luns e martes cun horario de 9:30 a 12:00 horas no Edificio Multiúsos da Xunqueira, en Redondela. O segundo curso comezará este martes 24 de outubro, e vai dirixido a quince mulleres da Asociación de Veciños de Moneixas (Lalín) que practicarán pilates no Centro Social todos os martes de 16:00 a 17:30 e os sábados de 10:00 a 11:30 horas.
Este ano participan en “Conectadas” 4.000 usuarias de 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: Emprende, iniciativas sostibles para o emprego; ExpresARTE; Conéctate; Sementa sostibilidade e O teu momento. Coidado e benestar. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes, e teñen unha duración de 35 horas.