A Deputación investirá máis de 325.000 euros na substitución das escaleiras de emerxencia do centro Escola Fogar en Príncipe Felipe

O goberno provincial ven de aprobar a execución desta actuación que solucionará os problemas funcionais, de estabilidade e salubridade da instalación

30/07/2022

Escaleiras Príncipe Felipe

A Xunta de Goberno da Deputación ven de dar luz verde ao proxecto de execución das obras de substitución das escaleiras de emerxencia do Centro Infanto Xuvenil Escola Fogar do Príncipe Felipe, actuación que ten como obxectivo solucionar os problemas funcionais, de estabilidade e salubridade que presentan estas instalacións. Nestes traballos a institución provincial investirá un orzamento de 325.391 euros.

Esta nova actuación a desenvolver no Centro Príncipe Felipe enmárcase dentro da estratexia da Deputación de mellorar todos os equipamentos das instalacións con criterios de eficiencia enerxética, illamento térmico e adecuación ás novas necesidades dos usuarios e usuarias.  No caso do edificio da Escola Fogar, construído na década dos 70 e de seis pisos (soto, planta baixa e catro plantas), presenta un deterioro no sistema estrutural e de cerramento que fai precisa a execución de obras de mellora da estanquidade e estabilidade para que poidan seguir a cumprir coa súa funcionalidade en condicións de seguridade.

Deste xeito, trala demolición e retirada dos elementos que constitúen a estrutura secundaria de cada unha das escaleiras existentes e o saneado da estrutura principal, procederase á execución de dúas novas escaleiras con chapa perforada e antideslizante de aceiro galvanizado en quente, que permitirán unha fácil evacuación e a mellora da ventilación da estrutura. Amais, colocaranse novos cerramentos exteriores do mesmo material, que permitan a configuración do núcleo de escaleiras como escaleiras abertas; e sobre os mesmos instalarase unha nova cuberta en panel sándwich. Adicionalmente, levaranse a cabo unha serie de actuacións complementarias entre as que destaca a implantación do alumeado de emerxencia e a instalación de portas de emerxencia nas saídas ao exterior do núcleo das escaleiras.

Desde o ano 2016 a Deputación leva investidos nos diferentes orzamentos anuais un total de 74,2 millóns de euros no Centro Príncipe Felipe. No caso das obras realizadas para actuacións de mellora e adecuación dos equipamentos, suman case 4 millóns no complexo, con proxectos como a reparación da cuberta e fachada do Auditorio; o arranxo de patoloxías nas fachadas do Centro de Educación Especial de Pontevedra e Centro Residencial Agarimo; a adecuación e posta en marcha do novo sistema de detección e alarma de incendios; as melloras nos sistemas de instalación eléctrica e calefacción, así como nas áreas de xogo, no pavimento e mobiliario no comedor; na sala de lactancia de Príncipe Felipe. Estas intervencións súmanse as recentemente anunciadas obras de reforma no CEIP Daría González, que teñen un orzamento de 2,1 millóns.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.