A Deputación avanza na actuación que renovará o CEIP Daría González cun investimento de 2,1 millóns
O goberno provincial aproba o expediente para licitar as obras, que inclúen o cambio da cuberta e melloras na fachada e nas condicións de habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do centro educativo
14/09/2022
A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos firmes para abordar a mellora integral do CEIP Daría González e, deste xeito, acaba de aprobar o expediente para sacar a licitación por 2,1 millóns de euros esta ambiciosa actuación que permitirá abordar o cambio da cuberta e a realización de melloras na fachada e nas condicións de habitabilidade e eficiencia enerxética deste centro educativo.
O Daría González foi construído na década dos 70, e conta con tres plantas, un patio exterior con xardín e horta. Na actualidade, presenta un conxunto de problemáticas que afectan a súa habitabilidade, accesibilidade e salubridade, e que inclúen desde desgaste da cuberta a fisuras, eflorescencias, desprendementos de morteiro e deterioro da carpintería, que provoca perdas enerxéticas e impide un nivel mínimo de illamento acústico. Aínda que as competencias en Educación son autonómicas, a Deputación decidiu asumir estes traballos de modernización no centro para garantir que as e os menores conten cunhas instalacións sostibles e de calidade.
As obras a realizar, que se definiron en diferentes xornadas de gobernanza coa dirección do centro, o seu persoal, proxenitores/as e representantes da Deputación, incluirán a substitución da cuberta (onde amais se instalarán paneis fotovoltaicos), o reforzo estrutural da fachada e o cambio de carpinterías exteriores (portas e ventás). Tamén se substituirá o ascensor, acondicionaranse dous aseos da planta baixa e un terceiro para convertelo en accesible e reformarase unha sala lúdica para adaptala a persoas con diversidade funcional. As obras non afectarán ao funcionamento normal do centro durante o curso.