A Deputación destina máis de 2 millóns de euros a converter o CEIP Daría González nunha “referencia de ensino público” na cidade de Pontevedra

Carmela Silva recordou que “é incrible” que non sexa a Xunta a que se faga cargo do orzamento para a rehabilitación da edificación, unha situación que vén dada polos convenios firmados por anteriores responsables políticos da Deputación

14/07/2022

CEIP Daría  González

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou as obras que se levarán a cabo no CEIP Daría González, na Cidade Infantil Príncipe Felipe. Este centro educativo, construído na década dos anos 70, de tres plantas, con patio exterior con xardín e horta, atópase actualmente nun estado de deterioro, o que impide que poida desenvolver axeitadamente a súa actividade. Por iso, a Deputación farase cargo da súa reforma, cun orzamento de 2.132.126 euros mediante unhas obras que saen agora a licitación e que, unha vez comezadas, desenvolveranse durante oito meses.

Carmela Silva lembrou que, malia que educación é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, os convenios firmados por anteriores responsables políticos da Deputación fan que sexa a entidade provincial a que debe facerse cargo do mantemento e conservación do edificio, algo que considera “incrible”. Por iso, e por responsabilidade, nos últimos tempos a Deputación está asumindo uns investimentos encamiñados a mellorar a habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do edificio, co fin de converter de novo ao CEIP Daría González nunha “referencia de ensino público” da cidade de Pontevedra. Algo no que tamén fixo fincapé o director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Manuel García Cendón, que lembrou que, durante anos, “foi un centro moi solicitado polas familias, pois funcionaba moi ben”, grazas ao seu proxecto educativo, ao claustro e ás súas instalacións.

Na actualidade, o edificio que acolle o CEIP Daría González ten fisuras, eflorescencias, desprendementos de morteiro, carpintería que facilita perdas enerxéticas e non proporciona un nivel mínimo de illamento acústico, cuberta deteriorada, non é accesible e o conxunto de deficiencias impiden acadar niveis de habitabilidade, salubridade e adaptabilidade axeitados, polo que era vital facer un “grande esforzo” para que o edificio “estivera nas mellores condicións”. Esforzo que vai parello ao acordo ao que chegou a dirección coa Xunta para estabilizar o claustro e poder ter un bo proxecto educativo, algo que non sucedía ata este ano, o que Carmela Silva cualificou de “escándalo”.

Por outra banda, a presidenta da Deputación anunciou que o proxecto foi presentado ao Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local), enmarcado dentro dos Fondo Next Generation e nos próximos meses agárdase que o Goberno do Estado tome unha decisión sobre os proxectos que vai financiar, se ben o do CEIP Daría González “cumpre ao 100% co que se reclama para ser financiado con este recursos”.

O proxecto

O proxecto, definido a través dun “proceso dialogado” coa dirección do centro, o cadro de persoal, os proxenitores e representantes da propia Deputación, vai moito máis alá dunha rehabilitación, e converterá ao CEIP Daría González “nun novo centro educativo”. O obxecto destas actuacións consiste en acometer as obras de cambio de cuberta, realizar un reforzo estrutural da fachada e substituír as carpinterías, así como mellorar a habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do edificio.

A primeira das liñas de traballo é a mellora da envolvente térmica, con tres obras principais como son a substitución do material da actual cuberta por paneis con mellor illamento; o recubrimento das fachadas e teitos en contacto co exterior e a substitución da carpintería exterior por unha nova de aluminio. Ademais, instalaranse 30 paneis fotovoltaicos. Estas actuacións conseguirán unha mellora da eficiencia enerxética do edificio que leva a una redución de máis do 80% o consumo de enerxía primaria non renovable e en máis dun 85% as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Entre as actuacións concretas, son varias as que buscan mellorar a accesibilidade, pois, como subliñou Carmela Silva, “non poder ser que no século XXI haxa un edificio público que faga que as persoas teñan dificultade de acceso”. Así, ademais, de reformar dous aseos da planta baixa para mellorar a habitabilidade e conservación dos mesmo, reformarase un aseo adicional para facelo accesible para todas as persoas. Tamén se substituirá o ascensor existente por un accesible, que incremente ademais a súa seguridade de utilización. Por outra banda, reformarase unha sala lúdica para adaptala a persoas con diversidade funcional.

documentos

Galerias de imaxes

videos