A Deputación destina un investimento de 1,8 millóns para deixar en perfectas condicións o CEIP Daría González no Centro Príncipe Felipe
Carmela Silva: “Espero que a partir destas obras poidamos cambiar o mal convenio que asinou o señor Louzán. Non ten sentido que nun centro educativo público, dependente da Xunta, teñamos que facer estas reformas, que realmente é construír un novo edificio para Educación”
28/01/2022
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova actuación para mellorar o CEIP Daría González no Centro Príncipe Felipe. Trátase do proxecto de execución para as obras de reforzo estrutural da fachada e substitución das carpinterías no colexio, unha obra que ten como obxectivo mellorar de xeito integral a envolvente do edificio e que ten un orzamento de licitación 1,5 millóns de euros (1.559.180€). Os traballos se sumarán a un segundo proxecto que se executará para a renovación da cuberta, presupostado en preto de 300.000 euros que, en palabras da presidenta Carmela Silva, “permitirán deixar o edificio educativo en perfectas condicións mellorando todos os equipamentos deste espazo con criterios de eficiencia enerxética, illamento térmico e adecuación ás novas necesidades das nenas e nenos”.
A presidenta lembrou que, a pesar de que se trata dun centro de educación pública dependente da Xunta de Galicia, está a ser a Deputación a que, amais de ceder o espazo, “ten que facer fronte á renovación dun edificio educativo que non estaba nas condicións acaídas”. “Espero polo tanto –engadiu Carmela Silva- que a partir de que fagamos esta renovación poidamos cambiar o mal convenio que firmou o señor Louzán, porque non ten ningún sentido que nun centro educativo da Xunta teñamos que facer estas reformas, que realmente é construír un novo edificio público para Educación. Espero que a partir de agora a Xunta de Galicia se faga cargo do referente ao mantemento e conservación e das obras para ter en condicións acaídas este centro educativo”.
O proxecto aprobado hoxe ten por obxecto solucionar unha serie de patoloxías que presenta o edificio do CEIP nas fachadas e carpintería exterior. Deste xeito, as actuacións están encamiñadas a conseguir a consolidación estrutural da fachada e por outro lado dirixidas á mellora da envolvente térmica do inmoble para a súa eficiencia enerxética. Intervirase coa reparación de elementos danados e a creación dunha nova fachada en todo o seu conxunto e a substitución da carpintería exterior (portas e ventás).
Doutra banda, o segundo proxecto que se realizará na cuberta do centro ten por obxecto garantir as condicións de habitabilidade e salubridade do inmoble. Levarase a cabo nos tres niveis de cubertas deste edificio sobre a planta baixa, na antiga vivenda de conserxería, no sureste do edificio e na planta segunda. Os traballos abarcarán unha superficie de máis de 1.000 m2 (1.273 m2) e centrarase na substitución do material de cubrición, remates, baixantes, canalóns e rede de pluviais substituíndo o vello material de fibrocemento por un de panel sándwich de aceiro prelacado, con acabado HDX.