A cultura de Galicia e a paisaxe da costa atlántica son as protagonistas das creacións de Cristóbal Gabarrón presentes na nova exposición do Museo

O artista, xunto ao comisario Antón Castro, e a responsable de exposicións, Fátima Cobo, inaugurou ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’, que se poderá visitar ata o 14 de maio.

16/03/2023

Gabarón atlántico

O Museo de Pontevedra xunta por primeira vez a obra de Cristóbal Gabarrón vinculada a Galicia. Non é unha relación casual: o artista murciano leva 25 anos pasando longas tempadas na súa casa-estudio de Bueu, na ría de Pontevedra. Esas estancias deixan pegada na súa obra, o que agora se pode ver a través do cento de pezas, entre pinturas, esculturas e instalacións, que conforman a mostra ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’.

Cristóbal Gabarrón inaugurou hoxe a exposición, acompañado do comisario da mostra, Antón Castro, e da responsable de exposicións do Museo, Fátima Cobo. ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’ mostra a influencia no artista da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade. Permanecerá aberta no Edificio Castelao do Museo ata o próximo 14 de maio.

A mostra permite apreciar o traballo de Gabarrón: versátil, experimental e con múltiples linguaxes. En palabras do comisario, Antón Castro, “a obra de Gabarrón caracterízase polo seu interese polo humanismo, pola vida das persoas en harmonía co contorno natural, escenificando un singular equilibrio entre natureza e cultura, entre ética e estética, cun grande interese en pór de manifesto o desenvolvemento dos valores humanos”.

As pezas presentes na mostra son moi diversas formalmente. No exterior do edificio atópanse tres esculturas en aceiro e fibra de vidro policromada da serie ‘Siega’. Sobre esta serie sinala o artista: “sempre me interesou moitísimo considerar a escultura, a parte volumétrica desa creación, como soporte para a policromía e xogar cun mundo cheo de formas e tons de completa planitude, que danzan e se esconden pola estrutura arquitectónica de cada peza”.

Na entrada da exposición está montada a instalación ‘El mar que yo conozco’, na que unha foto mural dá o contexto a seis barcas nas que se xuntan as características formas e cores de Gabarrón con crebas e elementos propios de contornas mariñas.

No interior da sala atopamos esculturas policromadas en diversos materiais, como as de ‘Las dos orillas’ en madeira, as da serie ‘Veritas’ en aceiro, as de ‘Iluminando el tiempo’ en fibra de vidro e as de ‘El silencio de las piedras’ e ‘Guerreros, gigantes y duendes’ en pedra, ou a combinación de granito policromado e aceiro da serie ‘Almas encerradas’ . Tamén hai pezas en cerámica, como as de ‘De lo orgánico a lo metafísico-Ceramica Metafísica’.

A pintura de Gabarrón está tamén presente en óleos como ‘La sima de los leopardos’ e series como ‘Núcleos’, ‘Meigas e atlantes’, ‘Pangea’ e ‘Bateas’. Ocupa un espazo central na sala a instalación ‘101 stones’, con cantos rodados das Rías Baixas sobre area de praia. O traballo con obxectos atopados dáse tamén en ‘Pieles’, nas que transforma anacos de palmas en máscaras, “case exemplos tribais de antepasados, espíritos e divindades, ataviadas con complementos e atributos naturais ou artificiais, orgánicos ou inorgánicos, restos incluso doutras vidas pasadas que aportan a súa carga simbólica a cada face”, sinala o artista.

Cristóbal Gabarrón naceu en Mula (Murcia) en 1945, pero aos 6 anos trasladouse a Valladolid, onde adquiriu a súa primeira formación. A súa creación reflicte o seu carácter nómade, que o levou a viaxar por múltiples países e a ter a súa residencia principal en Nova York. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre Estados Unidos e España.

A  súa obra defínese como “antropocéntrica”, situando o individuo, a conciencia  e os valores humanos como piares nos que se asenta. Con ese espírito realizou desde a década de 1980 importantes traballos para o olimpismo e organizacións internacionais como a ONU e o IOC. As súas esculturas para o espazo público atópanse en lugares relevantes de grandes cidades europeas e estadounidenses. E importantes institucións museísticas como o Chelsea Art Museum, o IVAM ou o Centro Niemeyer dedicáronlle retrospectivas.

documentos