O Museo de Pontevedra únese ao salón do libro para contar un conto dende as paredes do Edificio Sarmiento

A exposición ‘Había outra vez’, abriuse hoxe ata o 21 de maio, reúne obras de Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane arredor dun texto de Manuel Lourenzo

22/04/2023

Exposición no Museo

O Museo de Pontevedra abriu hoxe a exposición ‘Había outra vez’, unha mostra organizada ao abeiro do Salón do Libro, para contar un conto dende as paredes do Edificio Sarmiento unindo arte e literatura: arredor dun texto de Manuel Lourenzo González distribúese a obra de catro artistas ligados á cidade como son Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane.

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, puxo en valor a colaboración entre as institucións provincial e local. Destacou que o Museo de Pontevedra tiña que estar implicado nunha das iniciativas máis salientables da programación cultural da cidade, como é o Salón do Libro, facéndoo ademais a través de persoas creados do país nunha ‘maridaxe’ perfecta.

A concelleira responsable municipal do Salón, Carmen Fouces destacou tamén, na mesma liña, que coa exposición no Museo de Pontevedra séguese a robustecer a visión do Salón do Libro como punto de encontro e colaboración entre administracións. “Para nós esta mostra é como o resumo do Salón: aglutina todas as perspectivas que queremos traballar, a ligazón entre as diferentes disciplinas creativas (...) e a conexión e o traballo colaborativo entre administracións, ademais, nun evento aberto de balde para o público, e homenaxeando a autoras galegas e de Pontevedra. É un ‘combo’ completo”.

Pola súa banda, a comisaria e tamén creadora participante na mostra, Itziar Ezquieta Llamas, subliñou que ‘Había outra vez’ ten unha ‘precuela’, a exposición ‘Había unha vez’ de Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane, á que agora se incorporaron  Manolo Figueiras e máis ela mesma “con personalidades  e xeitos diferentes no traballo”.

Sobre a relación da mostra coa literatura, Ezquieta destacou que “quizais si que é certo que as nosas creacións, as de todos, teñen moito de conto… no sentido de que cada cadro, cada imaxe conta unha historia , ten unha trama, unha poética e esconde unha parte de literatura. Aí e onde entra Manuel Lourenzo”: “que mellor xeito de xuntar as nosas historias que propoñerlle a un grande escritor desentramar esa nova historia compartida para todos nós?”, preguntouse. Por iso, explicou, concibiuse a exposición “non como una mostra corrente, senón como un proxecto que enfía á perfección Literatura e Arte. Porque quizais sexa unha mostra para ser lida... para xogar a mirar historias”, finalizou.

A apertura finalizou cunha visita guiada pola sala da mostra a cargo de Manuel Lourenzo González, autor responsable dos primeiros Salóns do Libro e homenaxeado nesta edición, que creu un texto específico para o proxecto. Nel narra a enigmática viaxe dun mozo que se ve obrigado a camiñar por un escenario de rúas labirínticas á busca de sinais que lle proporcionen a clave para saír e recuperar a súa vida e o seu pasado; unha viaxe que fornece desde a literatura, a modo de xogo, fíos que consolidan esa converxencia da obra artística plural.

Ligazóns de interese