Un obradoiro infantil e unha charla entre Cristóbal Gabarrón e Antón Castro achegarán a todos os públicos “Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade”

As actividades desenvolveranse na tarde do venres 14 de abril

06/04/2023

ACTIVIDADES EXPO GABARRÓN

Coa exposición ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’, que se pode visitar ata o 14 de maio, o Museo de Pontevedra reuniu por primeira vez a obra de Cristóbal Gabarrón vinculada a Galicia. Agora programa dúas actividades o venres 14 de abril para achegar a todos os públicos a figura e a obra do artista murciano.

A primeira actividade é o obradoiro infantil ‘Siega verde’. Parte do conxunto escultórico do mesmo nome, representado na exposición do Museo por tres pezas situadas no exterior do edificio Castelao. O obxectivo do obradoiro é amosar como a escultura é utilizada polo artista como soporte para a policromía. Cada participante parte dunha maqueta de 40 cm de alto para crear a súa versión policromada da obra.

O obradoiro está dirixida a nenas e nenos de 8 a 12 anos. Desenvolverase o venres 14 de abril de 17:00 a 18:00 h. Para asistir é necesario inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.

O mesmo venres ás 19:00 h terá lugar unha charla entre Cristóbal Gabarrón e o comisario da exposición, Antón Castro. Nela debullarán o traballo do artista murciano, especialmente no referente ás pezas que forman a exposición sobre a súa obra relacionada con Galicia e o océano Atlántico.

A exposición ‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’ mostra a influencia no artista da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra en Galicia desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade. Non é unha relación casual: o artista murciano leva 25 anos pasando longas tempadas na súa casa-estudio de Bueu, na ría de Pontevedra. Esas estancias deixan pegada na súa obra, o que agora se pode ver a través do cento de pezas, entre pinturas, esculturas e instalacións.

Cristóbal Gabarrón naceu en Mula (Murcia) en 1945, pero aos 6 anos trasladouse a Valladolid, onde adquiriu a súa primeira formación. A súa creación reflicte o seu carácter nómade, que o levou a viaxar por múltiples países e a ter a súa residencia principal en Nova York. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre Estados Unidos e España.

A  súa obra defínese como “antropocéntrica”, situando o individuo, a conciencia  e os valores humanos como piares nos que se asenta. Con ese espírito realizou desde a década de 1980 importantes traballos para o olimpismo e organizacións internacionais como a ONU e o IOC. As súas esculturas para o espazo público atópanse en lugares relevantes de grandes cidades europeas e estadounidenses. E importantes institucións museísticas como o Chelsea Art Museum, o IVAM ou o Centro Niemeyer dedicáronlle retrospectivas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.