Máis de 600 nenos e nenas participarán no campus do Coruxo “Aprendendo a xogar”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero cualifican a iniciativa do Coruxo como “un dos mellores campus deportivos de Galicia”

08/06/2022

Campus Aprendendo a xogar

A oitava edición do campus multideportivo “Aprendendo a xogar” promovido polo Coruxo F. C. co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo, reunirá desde o 27 de xuño ao 1 de xullo a 600 nenas e nenos que poderán desfrutar dun total de 30 modalidades deportivas. A presidenta Carmela Silva, e o alcalde, Abel Caballero, participaron hoxe na presentación destas actividades xunto ao presidente do Coruxo F.C., Gustavo Falque e Alejandro Saenz, presidente do Club de Campo de Vigo, e cualificaron este campus como “un dos mellores de Galicia”, e unha referencia tanto pola participación como polo seu carácter multideportivo.

A presidenta provincial Carmela Silva destacou o “altísimo nivel de participación” deste ano e a coidada atención que presta o campus á xente máis nova. Subliñou que máis da metade da rapazada xa inscrita son nenas e a maioría das 60 persoas monitoras tamén son mulleres, “o que amosa que as mulleres estamos totalmente involucradas xa no deporte dunha forma paritaria”.

“Aprendendo a xogar” ofrece a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos un total de 30 modalidades deportivas, característica que diferencia este campus doutros que se desenvolven na provincia. Son o fútbol, tenis, balonmán, rugby, acrosport, dardos, voleibol, baloncesto, ciclismo, surf, bádminton, fútbol praia, pádel, judo, boxeo, marcha, béisbol, esgrima, voleibol praia, wushu, hóckey, balonmán praia, pas de praia, danza clásica, petanca, baile moderno, xogos malabares, xogos populares, primeiros auxilios e ximnasia rítmica. “Polo tanto –lembrou Carmela Silva- unha fórmula para que logo as nenas e nenos poidan elixir que deporte queren practicar. É fundamental que fagan deporte, primeiro porque é bo para a saúde e logo porque xera relacións sociais e convivencia, e porque a través do deporte apréndense moitos valores”. A presidenta felicitou ao Coruxo pola iniciativa e a “gran oferta deportiva que ofrece á cidade”, así como tamén ao Club de Campo, e emprazou ás persoas asistentes á xa tradicional clausura co baile das autoridades, monitores e voluntarias xunto ás e aos participantes.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero subliñou o clima de “concordia e alegría” que respira este campus, que indicou que se atopa entre os mellores de España pola cantidade de disciplinas, de persoas monitoras e por “tanta acción”, que conleva que “tantos nenos e nenas practiquen esta cultura de vida que é o deporte”. “A xente moza o vive con especial intensidade –engadiu- por esa mestura de acabar o curso e arrancar o campus do Coruxo. Temos que estar moi orgullosos e orgullosas deste campus”. Anunciou por outra banda que o Concello proxecta xa unha reorganización do conxunto do estadio do Vao: “Imos facer unha das grandes reformas dos estadios da cidade de Vigo”.

O presidente do Coruxo, Gustavo Falque, destacou tamén que este ano vai ser “moi especial” despois de dous anos difíciles pola pandemia, “que tanto nos apartou da práctica deportiva que tanto necesitabamos”. “Esperamos recuperar ese ánimo que tiñamos antes –sinalou- e volver a reiniciar este campus, porque para a rapazada e a mocidade era un referente, e imos volver a selo. Estas 30 actividades serven de estímulo para que volvamos a coller ese pulso al deporte e o levemos adiante coa mesma ilusión e cariño”. Neste senso, agradeceu o apoio da Deputación e Concello, “que están sempre ao lado do deporte”.

Galerias de imagenes